Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades duplica os puntos de recollida para a campaña de nadal de recollida de alimentos para familias necesitadas


Terá lugar do 9 de decembro ao 9 de xaneiro, en colaboración con Cáritas

O Concello de Frades, en colaboración con Cáritas, organiza unha recollida de alimentos para as familias necesitadas do municipio. Unha campaña que busca recoller alimentos básicos: leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas… que non estean caducados, non teñan superado a data de consumo preferente e estean debidamente etiquetados. A maiores tamén se recollerán produtos de Nadal non perecedoiros, tendo en conta as datas que se achegan.

Tras o éxito das dúas primeiras recollidas, nas que se superaron os 400 quilos de alimentos, nesta terceira ocasión duplicaranse os puntos de recollida de alimentos grazas á colaboración de tres supermercados de Frades: supermercado Loli (Abellá) e supermercados Claudio e Tandy (Pontecarreira), que se suman aos catro xa existentes a Cooperativa Central de Frades, a farmacia de Abellá, o CPI Pontecarreira e a Casa do Concello. O prazo de recollida dos alimentos será entre o 9 de decembro e o 9 de xaneiro.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, lembra que “toda axuda é benvida, polo que animamos aos veciños e veciñas a que, individualmente ou en grupo, colaboren na medida en que poidan para poder axudar ás familias máis necesitadas de Frades”. Así mesmo, Rey Martinez agradece por adiantado a colaboración tanto da veciñanza como de Cáritas, o CPI Ponte Carreira, a Cooperativa Central de Frades, a farmacia de Abellá e os supermercado Loli, Claudio e Tandy.

Durante as dúas primeiras edicións recolléronse catrocentos quilos de alimentos por campaña. Agora, o Concello de Frades fai un novo chamamento á colaboración da veciñanza e pon á súa disposición os Servizos Sociais municipais (981 69 55 67) e de Cáritas (647 120 228) para resolver calquera dúbida.