Saturday 16 de November de 2024

Fene recibirá 775.000 euros do Plan único da Deputación da Coruña


A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, visitou esta mañá o Concello de Fene para interesarse polos proxectos que se desenvolven no municipio con apoio provincial. Acompañada do tamén deputado e responsable da área de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto, Sanmartín foi recibida na casa consistorial polo alcalde, Juventino Trigo, e os membros do equipo de goberno. No encontro a representante da Deputación avanzou o contido do Plan único aprobado recentemente por este organismo para dotar os municipios da Coruña de “maior autonomía” en canto á execución de proxectos e investimentos. Neste sentido, Fene percibirá en 2017 arredor de 775.000 euros.

O Plan Único de Concellos POS+ 2017 é un plan dotado cunha contía total de 74 millóns de euros que, tal e como explicou a vicepresidenta da Deputación, “vai ser dinámico”, xa que prevé incorporar ao longo do ano que vén máis fondos procedentes de remanentes de anteriores exercicios.

A xuntanza mantida esta mañá co goberno local de Fene centrouse principalmente en adiantar o desenvolvemento deste programa provincial “dando a coñecer a súa filosofía”. O Plan Único vén agrupar nun mesmo paquete financeiro programas anteriores coma o POS ou o DTC, así como 11 liñas de subvencións habilitadas ata agora pola Deputación. O principal cambio que van notar os municipios vai ser o de “saber desde o primeiro momento canto van recibir” para definir deste xeito en que queren investir, “ao tempo que se simplifica a tramitación”, asegurou Goretti Sanmartín.

A responsable de Cultura e Normalización lingüística sinalou, ademais, que o Plan Único non lle afectará a outras vías de colaboración entre a Deputación e os municipios, como é o caso do apoio á contratación de persoal, a execución de plans de emprego, a contribución á prestación de servizos sociocomunitarios ou o mantemento de museos. No tocante a Cultura, Sanmartín puntualizou que o organismo provincial tamén manterá as axudas ao tecido asociativo que, no caso de Fene, veñen supoñendo unha achega de “arredor de 100.000 euros”.

Porén, o encontro desta mañá tamén serviu para “recoller suxestións” do grupo de goberno e “coñecer a marcha de proxectos que contan coa colaboración provincial”. Neste sentido, o alcalde destacou que Fene ten en marcha ou a piques de contratar actuacións “por un valor próximo ao millón de euros” que na súa maioría obtiveron fondos xestionados pola Deputación da Coruña. Entre elas Juventino Trigo citou as obras de conversión a céspede artificial do campo do Pote, en Maniños -cun investimento de 298.000 euros sufragados nun 80% pola Deputación-, así como intervencións en infraestruturas e na rede viaria “que estarán rematadas nos próximos meses”.

A visita de Goretti Sanmartín e Xesús Soto rematou no Museo do Humor de Fene, onde ata o día 16 deste mes pode visitarse a exposición “Centenario das escolas de instrución dos Naturales del Ayuntamiento de Fene, 1916-2016”. A mostra, comisariada polo investigador Guillermo Llorca, combina paneis informativos con fotografías e materiais da época, ademais de memorias das sociedades de instrución, cartillas e libros de texto, mapas, pupitres, etc., procedentes do Arquivo Municipal e cedidos polo Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Tanto esta exposición como a programación paralela co gallo do aniversario das escolas indianas contaron con finanzamento da Deputación da Coruña.