Os veciños poderán colaborar achegando as súas doazóns ben no partido ben nos distintos establecementos comerciais colaboradores
A Unión Deportiva Bastavales organiza a quinta edición do seu Encontro Benéfico, que terá lugar o próximo xoves 8 de decembro no campo de fútbol municipal de Brión. Para acceder ao campo só é preciso doar algún alimento non perecedoiro e correctamente empaquetado (pasta, aceites, conservas, legumes, cereais, leite…) para colaborar coa campaña de recollida de alimentos “Brión Solidario”, organizada polo Concello de Brión.
O encontro benéfico consistirá nun triangular entre os equipos do Bastavales UD, a SD Luaña e, como novidade este ano, o Noia CF, que comezará ás 16:30 horas. Previamente, ás 15:30 horas, terá lugar un partido de exhibición entre os benxamíns e alevíns do Bastavales UD.
Todos aqueles veciños e veciñas que non poidan asistir ao partido pero queiran colaborar nesta recollida solidaria da UD Bastavales, tamén poden facer as súas doazóns ata o xoves 8 de decembro no campo de fútbol municipal de Brión (de luns a venres a partir das 16:30 horas) ou no Bar Áncora (Os Ánxeles), Bar Gran Sol (A Luaña) ou Bar Casa Isorna, Restaurante O Padriño, Casa Botana, Bar Basilea ou Bar BTV (Bastavales).