Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño prepara o paseo fluvial para o inverno


As obras forman parte dun proxecto de posta en valor da zona financiado pola Xunta que continuará na primavera coa plantación de especies autóctonas e a reposición de mobiliario na área recreativa da presa de Mera

As enchentes de principios deste 2016 produciron numerosas incidencias no territorio. Asolagamentos, corrementos de terra que lle afectaron a algunhas pistas e tamén danos na ribeira do Xubia, principalmente na zona da Cortiña e na área recreativa situada no contorno da presa do muíño de Mera. Alí a forza da auga socavou un tramo do paseo fluvial, o que obrigou ao Concello a colocar sinalización e varandas de protección á espera de desenvolver un proxecto completo de restauración. Ese proxecto iniciouse hai escasos días con cargo a unha axuda da Consellería de Medio Ambiente e terá dúas fases: unha neste 2016 para afianzar a beira do río e evitar que as enchentes a sigan comendo, e outra prevista para a primavera do ano que vén co obxectivo de restaurar a zona con especies autóctonas e equipamento que a poñan en valor como espazo de lecer.

O custe total das obras aproxímase aos 16.000 euros, que a consellería financiará nun 80% a través dunha liña de axudas nutrida con fondos europeos FEDER e dirixida específicamente a actuacións dentro de áreas incluídas na Rede Natura 2000, como é o caso do ZEP Xubia-Castro.

A primeira fase dos traballos comezou a semana pasada coa construción dunha escolleira que cubra o burato feito pola auga xusto antes da volta que fai o río ao chegar á área recreativa. As riadas de xaneiro e febreiro deste mesmo ano desestabilizaron o firme e as fortes correntes fixeron o resto, levando terra e vexetación e deixando literalmente no aire un tramo duns 10 metros do paseo fluvial.

O remedio técnico polo que se optou foi o de construír un muro de contención con grandes rochas que se manterán no sitio polo seu propio peso. O obxectivo é frear a erosión para que cando pasen as máis que seguras enchentes deste inverno se poida finalizar o proceso de restauración.

Esa parte, a da restauración, será obxecto da segunda fase. E é que a convocatoria de axudas e o proxecto mesmo contemplan facer os traballos en dúas anualidades. Por iso se agardará a que veña o bo tempo para desenvolver as actuacións máis visibles.

A primeira delas consistirá en volver a ribeira a un estado o máis parecido posible ao natural compactando terra enriba da escolleira para despois repoboala con herba e especies atlánticas, como felgos e arbustos que, ademais, axuden a frear o efecto das riadas. Porén, a reintrodución de árbores e arbustos do país non se limitará unicamente ao lugar das obras, senón que se aproveitará para repoñer outras zonas ao longo do paseo e incluso está planeado converter nun souto con medio cento de castiñeiros unha parcela lindeira coa área recreativa.

A segunda intervención, para a que tamén se agardará a finais do inverno ou comezos da primavera, contempla a reposición de mobiliario -mesas, bancos, papeleiras, varandas, etc.- e a instalación de paneis informativos ao respecto da riqueza ambiental da contorna, con explicacións e imaxes da flora e a fauna que se pode atopar nela.