Friday 22 de November de 2024

A provincia da Coruña captará o maior volume de investimentos da consellería de Infraestruturas e Vivenda no vindeiro exercicio


A Xunta avanzará o vindeiro exercicio na execución do Plan de Sendas nas comarcas da provincia, con máis de 3,7 millóns de euros presupostados

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinará en 2017 o maior volume de investimentos á provincia da Coruña, para a que se reservan máis de 110 millóns de euros nos Orzamentos do vindeiro ano.

Potenciaranse as actuacións de conservación ordinaria e vialidade invernal, onde se investirán máis de 7 millóns de euros, que se sumarán aos 4,7 millóns destinados aos reforzos de firme.

Destacan as partidas destinadas a iniciar as obra de acondicionamento da estrada Ordes-Cerceda por Mercurín (1,62 M€), da nova conexión de Sampaio en Portobravo (500.000 euros) e da Variante de Aradas (600.000 euros), que Infraestruturas prevé licitar antes de que remate o ano.

Así mesmo, destinarase un importe de 230.000 euros á integración dos Camiños de Santiago na entrada de Compostela

No capítulo de infraestruturas destaca tamén a partida de 500.000 euros para avanzar na conexión da Vía Ártabra coa AP-9, así como o impulso dos novos treitos das conexións entre Santiago e A Estrada e entre Baio e Vimianzo, na Costa da Morte. Inclúese tamén unha partida de 400.000 euros para o acondicionamento da vía Portomouros-Santa Comba.

No marco das competencias desta consellería, na Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), destinaranse 3,5 millóns de euros no reforzo de firme e actuacións en travesías e 3,7 millóns no fomento da mobilidade sostible urbana e interurbana, o denominado Plan de Sendas.

Vivenda e solo
O Goberno galego destinará preto de máis de 13 millóns ao eido da vivenda e o solo nesta provincia, potenciando o programa de fomento de rexeneración e renovacións urbanas e a aportación para facilitar o acceso ao solo industrial.

Durante o ano 2017 destinaranse máis de 2 millóns de euros á urbanización do parque empresarial de Morás, en Arteixo.

Destacan actuacións como a rehabilitación de vivendas no casco histórico de Betanzos, cunha partida de 820.000 euros; a construción de vivendas protexidas no Parque Ofimático da Coruña, con 1,2 millóns de euros; ou ás axudas á rehabilitación, por importe de 3,5 millóns de euros.

Mobilidade
A Dirección Xeral de Mobilidade contará cun orzamento de case dez millóns de uros no vindeiro exercicio, que se dedicarán a avanzar nas intermodais de Ferrol, Santiago e Coruña, sen esquecer a mellora e conservación de paradas e das estación de autobuses.

No que se refire ao eido do transporte, a Xunta tamén fará unha achega para avanzar no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia que chegará a máis de 7,5 millóns de euros.