Ademais, o outro acordo, de 35.000 euros, permitirá rehabilitar tamén a igrexa de Ladrido en Ortigueira
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou dous convenios de colaboración coa diocese de Mondoñedo-Ferrol para colaborar con dous proxectos de reforma.
O máis destacado, é o da igrexa de Santa María e o Convento do Rosario de San Sadurniño. Esta reforma está xa en marcha pero será a institución provincial a que asuma o 75% dos custos cunha achega de 100.000 euros. Así se desprende do acordo asinado co ecónomo diocesano Ramón Otero Couso, que mostrouse agradecido coa colaboración da institución provincial e, en concreto, de Diego Calvo, non só neste proxecto senón tamén con outros anteriores. Confesou ademais “que era un día moi feliz para el”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación destacou a importancia de axudar á “conservación do noso patrimonio, con edificios tanto social como culturalmente relevantes”.
Ata o de agora o conxunto arquitectónico de San Sadurniño estaba en mal estado de conservación e con estas obras preténdese mellorar a estrutura, a cuberta, os pavimentos e as instalacións de fontanería e saneamento. Así, se resolverán tamén os problemas de humidades no interior.
O obxectivo deste convenio é preservar un ben de grande importancia para o patrimonio do concello de San Sadurniño e, en xeral, de toda a provincia. De feito, a primeira referencia que se conserva do conxunto arquitectónico que forman a igrexa e o convento é do ano 868. Pertence á sede Iria Flavia e no seu interior conserva os sepulcros de Fernando de Andrade e a súa muller Inés de Castro.
O claustro dispón dun xardín central con 28 arcos e entre as súas estancias destaca a Sala de Profundis, onde os relixiosos rezaban o salmo antes de pasar ao refectorio. Pero ademais, hai outros elementos dignos de mención coma a escaleira de serpe feita con pedra de Moeche e un reloxo de sol.
Mellora da igrexa de Ladrido
Ademais, o presidente Diego Calvo asinou tamén outro convenio co ecónomo diocesano para colaborar con outros 35.000 euros na rehabilitación da igrexa de Ladrido en Ortigueira.
Con esta achega se subvencionará o 36,5% do orzamento total (96.000 euros) destinado á conservación da igrexa. En concreto, se desenvolverán obras de demolición e vaise renovar a rede de saneamento, así como a estrutura, cuberta e revestimentos.
A igrexa parroquial de Ladrido, dedicada a Santa Eulalia, foi construída en torno ao ano 1900. Ten unha planta de cruz latina cunha soa nave lonxitudinal, dúas sancristías e un coro. No exterior tiña dous soportais laterais adosados ao cruceiro, do que na actualidade só se conserva o do lado sur. Ademais, o templo ten tres retablos de gran valor en madeira policromada.