Friday 22 de November de 2024

O pleno de San Sadurniño apoia por unanimidade o proxecto das obras no Enxerto


17 minutos foron máis que suficientes para tratar todos os temas incluídos na sesión extraordinaria do pleno de San Sadurniño celebrada este mediodía. A maioría eran cuestións de trámite e algunhas delas mesmo non requirirían formar parte da orde do día, como era o caso do asunto referido á proposta de desestimación do recurso de reposición presentado polo CSI-F contra a convocatoria dunha praza temporal de persoal administrativo e a conseguinte modificación do cadro de persoal. De feito foi este punto o que máis debate motivou con dous posicionamentos ben definidos. Dunha banda o do grupo de goberno argumentando o rexeitamento en base a que o sindicato non alegou durante a fase de exposición pública da modificación e á tese de que esta convocatoria non estaría en ningún dos supostos legais que obrigarían a unha negociación previa coa parte sindical. Por outra banda, o PP, que suxeriu paralizar o proceso ata despois de falar co sindicato. Finalmente a desestimación saiu adiante cos votos favorables do BNG, mentres que o PSOE se abstivo e o PP votou en contra. Este foi o único momento discordante dunha sesión na que se lle deu luz verde por unanimidade ao proxecto de reurbanización do camiño do Enxerto, onde o Concello ten previsto construír beirarrúas e dotar a pista de firme aglomerado.

Nesta cuestión nin sequera houbo debate, posto que os grupos da bancada da oposición lle deron o visto e prace á proposta do equipo de goberno que contempla investir na zona arredor de 125.000 euros. Cartos que serán achegados nun 80% pola Deputación da Coruña dentro dun convenio que se asinará en breve. O secretario municipal interviu na exposición do asunto para aclarar que, ademais do proxecto, tamén se votaría o compromiso municipal de incluír a partida no orzamento de 2017 como requisito indispensable para poder rubricar o acordo co ente provincial.

As obras consistirán na reurbanización completa da pista paralela á avenida Marqués de Figueroa que une a capela do Belén coa estrada de Ortigueira. Case un quilómetro de trazado onde se instalarán canalizacións para a auga da choiva, faranse beirarrúas por un dos laterais -nalgúns puntos polos dous- e onde, finalmente, se botará unha nova capa de rodadura a base de asfalto aglomerado.

Tras esta cuestión entrouse na referida ao recurso de reposición presentado polo CSI-F no que este sindicato solicita deixar sen efecto a convocatoria en vigor para a provisión dunha praza de persoal administrativo durante un período de 6 meses. Entende este sindicato que a conseguinte modificación do cadro de persoal se fixo sen contar coa representación laboral. Un estremo rebatido polos informes xurídicos cos que conta o Concello, onde se sinalan como razóns principais da desestimación que o CSI-F non presentou ningunha alegación ao respecto durante o período de exposición pública da modificación e, ademais, que esta modificación do cadro funcionarial non sería unha materia suxeita a negociación. O terceiro argumento apunta a que a variación do cadro tampouco lle afectaría ás condicións de traballo do resto de empregados e empregadas públicas do Concello.

Na quenda de debate o PSOE optou por absterse por descoñecer os termos da reivindicación. Iso si, mostrou a súa extrañeza porque “un sindicato estea en contra da incorporación dunha persoa”. O PP opúxose á desestimación do recurso e pediulle ao equipo de goberno “sentarse co sindicato” e que se reinicie a convocatoria para “facer o procedemento correctamente”. O BNG retrucoulle aos populares que a proposta de resolución é “totalmente legal” e suxeriu que o recurso do CSI-F “podería ter unha motivación máis política que sindical” co obxectivo de “retrasar o proceso”. O grupo de goberno indicou, ademais, que a desestimación non sería necesario levala a pleno e que a decisión de presentarlla hoxe ao máximo órgano municipal se fixo “por unha cuestión de transparencia”. Secundino García abondou nesta circunstancia volvendo incidir, ademais, en que o sindicato non fixo uso do prazo de exposición pública para presentar as alegacións que estimase oportunas.

O pleno, que comezou pouco despois das 13.15h., tamén serviu para dar conta da ratificación de Sabela Íñiguez como representante municipal no Consello Escolar de San Sadurniño e das modificacións da distribución de tarefas entre o persoal funcionario municipal, nomeadamente a asunción con carácter temporal da Tesouraría municipal por parte do secretario-interventor.