Abriu as súas portas tras a charla de Pastor Rodríguez
A exposición “Eu sei quen son” dedicada a Cervantes e o Quixote con motivo do cuarto centenario da súa morte abriu as súas portas na noite de onte no Lustres Rivas e será visitada ata o día 23 de decembro.
O acto inaugural tivo lugar coas palabras da concelleira de Educación, Herminia Pouso, despois dunha conferencia impartida polo estudoso Pastor Rodríguez en torno á vinculación do autor de Alcalá de Henares con Galicia e con Barbanza.
De feito, ao longo da súa charla saíron a relucir autores da nosa bisbarra tan relevantes como Castelao, o cura de Fruíme, Victoriano García Martí ou os artistas plásticos Alfonso e Nacho Costa Beiro.
No que se refire á mostra en si, consta de diversos fondos do Museo do Gravado de Artes, entre eles doce gravados da serie “El Quijote de Salvador Dalí” e 15 serigrafías a cor de nomeados autores galegos como Laxeiro, Lamazares, Costa Beiro, Lodeiro, Nóvoa ou Corredoiro, entre outros, ademais dunha selección libros da obra magna do escritor, El Quijote, con curiosos volumes como a edición príncipe en galego de Xuntanza Editorial (edición única, de tirada numerada e limitada a 350 exemplares) ou as súas traducións ao francés, inglés ou alemán.
Agora a intención é organizar visitas guiadas entre os colexios para que vexan esta mostra e a selección de libros que de forma paralela se están a exhibir na biblioteca municipal.
A exposición estará aberta de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.