O consistorio ultima, ademais, a contratación das obras de reparación da rúa que discorre paralela ao río na zona de Perlío
O Concello de Fene elaborou recentemente un proxecto de actuacións no cauce urbano do río Cádavo co obxectivo de avaliar os custes de mellorar a calidade ambiental do contorno, a dotación de equipamentos e, de paso, aforrar enerxía e previr asolagamentos en zonas concretas. O documento “Adecuación ambiental, peonil e de seguridade do tramo urbano e das dotacións e entorno do río Cádavo en Fene-Perlío” cifra a intervención en 60.408,54€. Cartos que darían para a limpeza da bacía do regato, para a reposición do mobiliario urbano e mesmo para ampliar os sendeiros do parque liñal. Na mesma zona, o Concello ten aberto o proceso de adxudicación das obras de reparación da rúa Río Cádavo, encadradas nun paquete de intervencións cun valor próximo aos 58.000 euros.
O proxecto de mellora da contorna do río é de momento un documento de actuacións que o equipo de goberno quere incluír nos orzamentos do ano que entra. Con todo, esta memoria técnica xa recibiu unha subvención de 2.202,20€ da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ao abeiro da orde do 26 de abril deste ano, dirixida á elaboración por parte dos concellos de “estratexias de sustentabilidade ambiental coa finalidade de integrar a adaptación ao cambio climático na xestión e planificación públicas”. Unha liña de axudas cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Neste sentido, o proxecto preparado polo Concello recolle actuacións centradas no acondicionamento ambiental do Cádavo ao seu paso polo centro urbano e en especial no tramo comprendido entre a rúa da Fraga e a rúa San Salvador, onde o río discorre flanqueado por terreos privados. Na zona proponse facer previamente unha limpeza dentro e fóra da auga rozando as beiras ata 4 metros e retirando maleza do cauce co obxectivo de evitar rebordamentos por causa das enchentes en puntos como a avenida do Concello e a a propia rúa San Salvador.
Alén destes traballos de conservación tamén se contemplan outros relacionados coa mellora da accesibilidade e a seguridade do contorno. Entre eles o repaso do enlousado dos camiños para facilitarlle o percorrido a persoas con mobilidade reducida ou que vaian en cadeira de rodas, a colocación de varandas de protección en zonas perigosas e a comunicación das sendas do parque liñal cos espazos de descanso onde hai bancos instalados.
No tocante ao equipamento o estudo recolle a necesidade de repoñer elementos do mobiliario urbano -bancos, papeleiras, etc.- e propón substituír as vellas lámpadas de vapor de sodio por outras con tecnoloxía LED, coas que se conseguiría máis luz, de mellor calidade e cun considerable aforro en consumo eléctrico.
Obras na rúa Río Cádavo
Cómpre lembrar, ademais, que o Concello mantén aberto o proceso de licitación das obras de reparación da rúa Río Cádavo, que discorre en Perlío paralela ao curso do río. O vial presenta numerosas fochancas e irregularidades no firme que agora se van reparar dentro dun proxecto a piques de adxudicar que abrangue outras catro estradas municipais.
No caso da rúa Río Cádavo os traballos ocuparanse da limpeza de foxos e cunetas e da restauración do pavimento en dous puntos: desde o cruzamento con San Salvador e na parte baixa da rúa, preto da subida ás Chancas. Lugares ambos que requiren unha intervención urxente e que se incluíron nun paquete de obras valorado en 57.856 € do Plan de Aforro e Investimentos provincial 2016.
O Concello agarda que o contrato quede adxudicado en breve para poder comezar cos traballos.