A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio acompañou a Víctor Rossi durante unha vista ao Complexo medioambiental de Cerceda, ao que lle indicou que o pasado ano esta infraestrutura alcanzou máximos históricos de eficiencia, procesando máis cantidade de lixo, incrementando a produción enerxética e diminuíndo o vertido
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, acompañou esta mañá ao ministro de Transporte e Obras Públicas do Goberno de Uruguai, Víctor Rossi, na súa visita ás instalacións do Complexo Medioambiental de Cerceda. Durante este percorrido, Mato trasladoulle a Rossi que, tomando como referencia o ano 2008, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) alcanzou en 2015 máximos históricos de eficiencia ao procesar un 27% máis de lixo (583.000 toneladas/ano), xerar case un 30% máis de enerxía e reducir o depósito de lixo no vertedoiro de Areosa nun 55%.
Así mesmo, asegurou que, co proxecto de ampliación, o complexo terá capacidade suficiente para tratar en condicións óptimas todo o lixo doméstico xerado en Galicia, pasando das 550.000 toneladas/ano a 1.000.000, ao tempo que incrementará a achega á reciclaxe en 120.000 toneladas anuais, cuadriplicando as cifras actuais.
Deste xeito, e conforme ao preceptos da economía circular, a conselleira expuxo que a pretensión é chegar ao vertido técnico cero, é dicir, que só se deposite en vertedoiro aqueles residuos que non se poidan reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente.
Tamén se referiu á aposta do Goberno galego polo transporte de residuos por tren, un medio máis respectuoso co medio ambiente e con menos molestias para a cidadanía. Neste sentido, explicou que o uso de ferrocarril para o traslado de lixo viuse incrementado notablemente nos últimos meses, pasando do 25% ao 45%, co obxectivo de chegar ao 55% no 2018. De feito, tan e como indica Renfe, co uso do tren, Sogama aforrará, nun decenio, de 22.300 toneladas de emisións de CO2, así como 800.000 litros de gasoil cada ano.
A conselleira puxo en valor o papel que Sogama está a desenvolver na formación, educación e concienciación da poboación en materia ambiental. Proba disto son as múltiples campañas que a compañía leva a cabo, e que dirixe a distintos tipos de públicos, pudendo destacar, entre outras, o seu programa de visitas, polo que xa pasaron preto de 70.000 persoas, ou ben o seu programa de compostaxe doméstica, ao que están adscritas 200 entidades, tendo repartido máis de 6.000 composteiros de cara a propiciar a reciclaxe da materia orgánica nas propias vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín.
Por último, sinalou que ao longo destes anos o Complexo de Cerceda tense convertido nun referente, tal e como demostran cada ano os resultados, tanto en toneladas procesadas como en recuperación materia e valorización enerxética; que contribúe á conciencia cidadá; que ofrece os mellores servizos aos concellos cun modelo económico que é o máis barato das tres plantas galegas e un dos máis baratos de España e, en definitiva, que se ten convertido nun modelo de xestión recoñecido pola UE que agora aborda unha nova etapa coa vista posta na economía circular como único modelo de desenvolvemento posible.