Os rapaces visitaron tamén unha mostra na Biblioteca
A programación dedicada ao cuarto centenario da morte de Cervantes acaba de comezar no Centro Cultural Lustres Rivas cunha conferencia de Xabier López Marqués e a apertura dunha mostra de libros sobre o autor de Alcalá de Henares na Biblioteca.
A charla do profesor riveirense estivo dirixida a setenta estudantes de Secundaria do IES Leliadoura e afondou durante tres cuartos de hora en torno a un tema analizado por moitos estudosos como é a quixotización de Sancho e a sanchificación do Quixote, que López Marqués considera un tanto simplista.
A continuación os alumnos efectuaron unha breve visita á exposición “Eu sei quen son” que vai abrir ao público esta tarde e trasladáronse á biblioteca, onde Xoán Fernández Callón, colaborador da biblioteca, desgranou o contido da exposición con cincuenta libros de e sobre Cervantes e a súa novela maior.
Cómpre lembrar que o programa de actividades continuará hoxe ás 20 horas coa conferencia de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría sobre Cervantes e o Quixote en Galicia para acto seguido dar paso á inauguración de “Eu sei quen son”, con participación das concelleiras Fabiola García e Herminia Pouso.