Co motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o 3 de decembro, as entidades que forman parte de COGAMI teñen previsto realizar actividades co fin de visibilizar, dar a coñecer e reivindicar os nosos dereitos. Por iso, todas as entidades lerán o manifesto ao que nos acollemos todas as entidades sociais que estamos integradas no Cermi (Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad).
A continuación, imos expoñer os actos que teñen organizadas as entidades, agrupados por provincia.
Provincia A Coruña
O centro da asociación Integro en Cabana de Bergantiños vai presentar o calendario solidario 2017 o sábado 3 de decembro ás 12 horas, na Aula Fórum de Carballo (Rúa Puente) a través do que pretenden tirar coas barreiras sociais e mentais que aínda hoxe existen. Este calendario recolle a inclusión e normalización destacando ás persoas usuarias do centro que posan en diferentes situacións acompañados de persoeiros da cultura en xeral. Para máis datos, contactar coa entidade 981 734 985 ou 650 961 649
Asociación Adisbismur da comarca de Muros realizará unha xornada de portas abertas para todas aquelas veciñas e veciños que queiran asistir e participar nas actividades que realizan as persoas usuarias do centro de recursos que teñen en Valadares. A entidade tamén terá un stand tanto en Muros como en Outes onde exporá os traballos que se realizan no centro e repartirá marcapáxinas entre as persoas que asistan. Para contactar coa entidade, 981 176 377 ou 636 846 774.
Dende a asociación AMBAR da comarca da Barbanza, van proxectar un vídeo no que participan colaboradores e veciños para darlle máis visibilidade á discapacidade. Cada unha das persoas ou entidades participantes expresa unha frase que conforma un manifesto.
A difusión do vídeo farase por medio das redes sociais como Facebook @asociacion.ambar e Twitter @asociacionAMBAR. Para ampliar información, podedes chamar 981 832 905.
A asociación Misela de Noia, ten organizado para o día 2 de decembro, de 11 a 13 horas, na Alameda de Noia, a actividade Ponte no meu lugar, coa que pretenden convidar a chocolate con pastas e biscoitos a aquelas persoas que superen unhas barreiras que van atopar polo camiño de cara ao convite. O percorrido tanto se vai facer cos ollos pechados como en cadeira de rodas. Amplía datos chamando ao teléfono 981 972 822.
A asociación AVANTE de Val do Dubra vai participar nunha xornada de sensibilización que organiza o concello de Santa Comba para os escolares de 5º e 6º de Primaria no Colexio Barrié de la Maza. A actividade desenvolverase o venres 2 de decembro nas instalacións do colexio en horario de 11 a 13 horas, e desenvolverase en dúas partes: os escolares poñeranse na pel dunha persoa con discapacidade percorrendo traxectos en cadeira de rodas ou cos ollos pechados e tamén asistirán á proxección do vídeo Miradas que falan, realizada tras unha mostra de fotografías que estivo exposta no Auditorio de Bembibre no mes de marzo. Dúas persoas usuarias do centro comentarán a súa experiencia persoal, tentando derribar falsas crenzas que existen ao redor da discapacidade. Para máis datos, contactar no teléfono 981 191 490.
O centro que COGAMI ten en Ferrol, Aspanemi e Grupo Diversidade Ferrol e Comarcas participarán o venres 2 de decembro nun stand informativo no centro comercial Odeón durante os actos que ten programados o concello, estando presente no de Diversidade, tolerancia, dereitos e oportunidades. Ademais, para o 16 de decembro, COGAMI ten programada unha charla de sensibilización no Colexio Santiago Apóstol. Para máis información 981 325 568.
A asociación Aspanemi de Narón ten organizado para o sábado, 3 de decembro, de 17 a 20 horas no local social A Solaina un obradoiro de “Respiro Familiar” onde os pais e nais poderán aproveitar do seu tempo libre mentres os fillos realizan actividades nun ambiente inclusivo, participando tanto nenos con discapacidade como sen ela.
Os pequenos aprenderán a deseñar bolsos e carteiras con goma eva e tamén practicarán xogos deportivos. Máis datos no teléfono 981 946 319.
Provincia de Lugo
As asociacións Agora e Auxilia de Monforte de Lemos celebran conxuntamente o Día da Discapacidade o 2 de decembro a partir das 11 horas na praza de Abastos. As dúas terán mesas colocadas onde informarán sobre os servizos que prestan e tamén van participar na elaboración dun mural que levará por título Eu Quero, onde calquera persoa poderá pintar ou escribir opinións ou reivindicacións. Sobre as 12 horas procederase á lectura do manifesto. Máis información no teléfono 982 41 02 89.
Provincia de Ourense
Baixo o lema `Ponte no meu lugar´ as asociacións Algaria, Discafis-COGAMI e LIMISI acompañada por unha Educadora Social, realizará una actividade de sensibilización no colexio Carlos Casares de Xinzo de Limia para 46 alumnas e alumnos de 6º de primaria o venres 2 de decembro, ás 12:15 horas. A finalidade é darlle visibilidade ás dificultades de integración que se lle presentan na sociedade ás persoas con discapacidade.
A través desta actividade, a entidade pretende sensibilizar e dar a coñecer aos rapaces o mundo da discapacidade, ofrecéndolle a oportunidade de experimentar na súa propia pel os problemas cos que se atopan as persoas con discapacidade física, intelectual ou sensorial no día a día, co obxectivo de que tomen conciencia das barreiras que a nosa sociedade lles pon a este sector da poboación para desenvolverse en igualdade de oportunidades en todos os ámbitos (educativo, laboral…), e para sensibilizalos e formalos no respecto á diversidade.
Máis datos no teléfono 988 248 769.
Provincia Pontevedra
COGAMI organiza en Vigo unha visita guiada a un entorno accesible, o venres, 2 de decembro, ás 11 horas, xunto co grupo de 15 promotores turísticos locais que se formaron no obradoiro “Vigo Emprega” e no que participan persoas usuarias do centro que COGAMI ten en Mos e tamén da asociación Vontade de Baixo Miño.
Van ser preto de 50 persoas as que iniciarán esta ruta partindo da ermida de Bouzas, para logo percorrer o Paseo dos Peixes, un entorno escollido polo seu alto valor turístico. A preparación da visita por parte dos promotores turísticos fíxose tendo en conta os conceptos de deseño universal, é dicir, conta cunha accesibilidade orientada a todas as persoas.
Coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, está convidados representantes de distintas administracións públicas como Outras persoas convidadas que van realizar esta visita son a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, o concelleira de Turismo de Vigo, Laura Iglesias, para percorrer esta ruta poñéndose na pel dunha persoa con discapacidade, de maneira que uns irán en cadeira de rodas, outras con bastóns, cos ollos vendados, con tapóns nos oídos,…
O acto rematará coa lectura do manifesto, que será realizada polos diferentes convidados.
Máis información no teléfono 986 487 925.
O centro de recursos de Medelo (Manduas, lugar de Medelo, Bandeira, Silleda) o día 2 de decembro propón unha campaña de sensibilización nas redes sociais cos hastags #olladassobreadiscapacidade #CRDMedelo #COGAMI nas que nos reta a expresar brevemente que é a discapacidade para nós, podendo expresarnos tanto escribindo como a través dun debuxo. Piden que nos fagamos unha foto posando co cartel acompañado do hastag #olladassobreadiscapacidade.
De todas as participacións, Medelo o que fará será un álbum de recordos de todas as persoas participantes. Máis datos no teléfono 663 940 759.
A asociación Adapta de Ponteareas organiza unha xornada de sensibilización denominada “Ponte no meu lugar”, o 7 de decembro, ás 11 horas, en colaboración co concello de Ponteareas, na que participarán persoas usuarias do centro Asprodico e tamén do centro de día de Mondariz. Nesta actividade, sentarán nunha cadeira de rodas ao Alcalde e á Concelleira de Urbanismo para que fagan unha ruta polas rúas, co fin de que sexan conscientes das barreiras coas que se atopan no seu día a día as persoas con mobilidade reducida. Para ampliar datos, chamar ao 662 947 289 ou 986 916 012.
A Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO) o 2 de decembro, ás 17.30 horas no centro social do Mar de Bueu realizará unha presentación-coloquio sobre a artrite e os aparatos de axuda para a discapacidade. Máis datos no teléfono 638395017.