A orosá Sara Gacio Cendal vén de lograr a medalla de ouro en combate, categoría cadete medio, no open internacional de Moaña de taekwondo, celebrado esta pasada fin de semana e no que tomaron parte 550 competidores de Galicia, España e Portugal. Sara Gacio, do Boudsport, derrotou na final a Andrea García Bouzón, do Arte e Movemento, neste campionato, cualificado como RG3 dentro do ranking galego de taekwondo.
Este torneo está incluído no novo circuíto de torneos ranqueables (Cidade de Ourense, Cidade de Riveira, Cidade de Pontevedra, Cidade da Coruña, Vila de Moaña e Cidade do Lérez), organizado pola Federación Galega de Taekwondo. De feito, hai quince días Sara Gacio obtivo a medalla de prata no Torneo Cidade da Coruña, de forma que na actualidade lidera o ranking galego da categoría cadete feminino. A loitadora orosá continúa así coa súa preparación para o Nacional de Clubs, que terá lugar os próximos 9, 10 e 11 de decembro en Alacante, onde está prevista a participación de 2.900 competidores de toda España.
O Concello de Oroso felicita a Sara Gacio Cendal, de 14 anos e veciña de Deixebre, a quen este mesmo ano distinguiu como mellor deportista do ano na súa III Gala do Deporte, celebrada o pasado mes de xuño. Un premio que Gacio Cendal logrou tras proclamarse subcampioa galega Cadete de Taekwondo, ser medalla de bronce en dúas ocasións coa Selección Galega de Taekwondo (para o Open de España 2016 e o Campionato de España Cadete 2016) e tras ser becada pola Federación Galega de Taekwondo para acudir ao campamento “Soño Olímpico”, celebrado este pasado verán.