Celebrará a gala ‘Alma, paixón e vida’ en Conxo, mentres que en Brión representará ‘Romeo e Xulieta’ e ‘O mercader de Venecia’
Andaina Pro Saúde Mental conmemorará este vindeiro sábado, 3 de decembro, o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha gala do máis animada e creativa. ‘Alma, paixón e vida’ nome co que se bautizou a esta iniciativa, dará comezo ás 20 horas no centro sociocultural de Conxo, situado na rúa Aguirre. Ao longo de máis dunha hora as persoas que asistan poderán desfrutar dun programa no que se mestura a música en directo, cos contacontos e a poesía. Tamén está previsto o sorteo de agasallos. As persoas que queiran acudir poderán adquirir a súa entrada na porta por 25 €, cartos que se destinarán integramente ao mantemento da asociación. Con esta iniciativa Andaina Prosaúde Mental pretende levar a cabo un labor de visibilización do seu traballo, así como dos seus integrantes, usuarios e usuarias.
Ese mesmo día o grupo de teatro de Andaina Pro Saúde Mental levará a cabo en Brión ‘Shakespeare para tod@s’. O espectáculo que arrancará ás 20.30 horas no centro social polivalente e no que se poderán ver as versión realizadas polo actor Fran Rei das obras ‘Romeo e Xulieta’ e ‘O mercader de Venecia’. Este forma parte do Circuíto de Teatro de Afeccionado, programado pola Deputación da Coruña.