Friday 22 de November de 2024

O CPI Fonte Díaz de Touro acolle a estrea da campaña de Consumo de Froita nos colexios que incluirá este ano a castaña como froito subvenionable


A conselleira do Medio Rural, acompañada do alcalde de Touro, visitaron o CPI Fonte Díaz de Touro no que comezaba esta campaña con actividades lúdico-formativas para concienciar á rapazada da importancia dunha alimentación sa

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, acompañadas do alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitaron o Centro Público Integrado (CPI) Fonte Díaz, en Touro, con motivo do inicio da campaña de consumo de froitas frescas na escola. Este ano, coma novidade, na lista de produtos subvencionables que poden elixir os colexios está a castaña, a petición da Xunta de Galicia.

Esta era unha petición histórica por parte da comunidade ao Goberno central, que este ano aceptou incluír no real decreto sobre a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación cos plans escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite a castaña como produto elixible para o programa español.

Ángeles Vázquez valorou esta boa nova porque “ademáis de contribuír a unha alimentación equilibrada, apoiamos tamén unha industria en auxe na nosa comunidade coma o dos castiñeiros de froito”. O mesmo sucede co plan de leite e produtos lácteos que tamén se leva ás escolas. “En paralelo ao obxectivo de crear hábitos saudables, colaboramos coa estabilización dos mercados destes produtos en Galicia”, sinalou a responsable autonómica.

Esta campaña educativa comenza en Galicia no centro educativo do concello de Touro. Alí, en torno a 100 nenos participaron nas actividades organizadas para a ocasión como unha zona de debuxo e plastilina na que se explicou aos pequenos a pirámide dos alimentos e decidían a composición dos seus batidos, a área de cociña para preparalos eles mesmos e un photocall final onde fotografiarse con mensaxes sas.

O director do CPI Fonte Díaz, Daniel Pereiro, agredeceu á Medio Rural que conten co centro educativo para iniciar a campaña e tamén destacou que este colexio “sempre tratou de fomentar estre os seus alumnos e alumnas o consumo de froita e verdura e apostou tamén por unha boa alimentación para os máis pequenos”.

A través desta iniciativa a Consellería do Medio Rural, en colaboración coa de Sanidade e a de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, pretende educar aos máis pequenos na importancia dunha alimentación equilibrada.

Galicia participou neste plan dende a súa creación en 2009 a través dunha resolución de axudas para cada curso escolar. Cada ano, os centros interesados increméntanse dende os 123 de 2009 ata os 340 da última campaña. Neste curso 2016/2017 está previsto superar os 400 centros educativos (a falta de pechar todas as solicitudes) cos que se chegaría a máis de 88.000 nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, xa que inclúe as etapas de Infantil, Primaria e Secundaria.

A orde de axudas para executar esta campaña de 2016/2017 contou cun orzamento de 317.200 euros. O 75% do orzamento procede do Fondo Agrícola de Garantía (Feaga) e o 25% restante é abonado pola Xunta de Galicia. O importe máximo de axuda para cada centro é de 0,25 euros por alumnos e día lectivo, ata un máximo de 20 días. A axuda concédese a todas as froitas frescas con excepción do tomate, da lima e do limón, que están incluídas na definición do Código Alimentario Español (CAE) e agora tamén a castaña.