A partir de mañá e ata o 8 de xaneiro veciñanza e visitantes poderán patinar na nova instalación situada no Campo da Feira. É unha das principais novidades deste Nadal, coa que tamén se quere animar ao consumo local
Mañá xoves, 1 de decembro, ás 17 horas, abrirá ao público a pista de patinaxe sobre xeo que o Concello de Ordes vén de instalar no Campo da Feira. Para estrear a pista os integrantes do Club Patinaxe Galia farán unha pequena exhibición da que poderán desfrutar todas e todos os que se acheguen.
Trátase dunha das principais novidades que se teñen organizadas de cara ás vindeiras festas de Nadal por parte do Concello, coa que ademais tamén se quere dinamizar o consumo local grazas aos visitantes que atraia esta nova proposta, que por primeira vez se instala en Ordes. Veciños, veciñas e visitantes poderán desfrutar dela ata o próximo 8 de xaneiro. Ata o 21 de decembro o horario de apertura será de luns a venres de 17 a 22 horas. A partir do 22 de decembro abrirá de luns a venres de 12 a 14 horas e de 17 a 22. Sábados, domingos e vésperas de festivos será de 11 a 14 horas e de 17 a 22 horas.
Dende o 1 ao 21 de decembro os centros escolares e grupos poderán contar con interesantes descontos no caso de reservar a entrada previamente e acudir en horario académico (4 euros). As demais entradas terán un custo de 6 euros por unha hora. As dimensións da pista son de 15m x 20m, contando con carpa transparente, despacho de billetes, área de patíns, bancos e música ambiental. As reservas deberán solicitarse previamente no teléfono 981848411.
A empresa encargada proporcionará os patíns, tendo que levar os usuarios e usuarias a roupa axeitada e de abrigo para poder desfrutar da experiencia nas mellores condicións. Os nenos e nenas menores de 8 anos deberán estar acompañados dunha persoa adulta.