Friday 22 de November de 2024

O Pleno aproba un expediente de crédito para afrontar o pago de sentenzas xudiciais


O Pleno da Corporación aprobou hoxe un expediente de modificación de crédito que permitirá afrontar o pago de diversas sentenzas xudiciais que foron chegando ao Concello nos últimos meses, e que corresponden a casos derivados de mandatos anteriores. A decisión foi adoptada cos votos a favor de Compostela Aberta e a abstención dos tres grupos da oposición.

O expediente de modificación de crédito ascende a 949.453,46 euros, e permitirá o pagamento de tres sentenzas concretas. A maior cantidade, 693.571,27 euros, será para afrontar unha parte do pago que o Concello lle ten que facer á empresa que iniciou a construción do parque comarcal de bombeiros de Salgueiriños. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obriga a abonarlle 1.018.000 euros, máis uns intereses que están estimados en preto de 500.000 euros.

A segunda sentenza que se vai pagar con cargo ao expediente de modificación de crédito aprobado hoxe é a relativa á liquidación do transporte urbano do ano 2008, pola que o Concello lle ten que abonar 135.589,50 euros á UTE Autobuses Urbanos de Lugo e TRAP S.A. por un erro á hora de calcular o custo do combustible. Esta sentenza é idéntica á que xa ten recibido o Concello con respecto ás liquidacións do transporte nos anos 2007, 2009, 2010 e 2011, que suman 485.562 euros. A empresa tamén ten recorridos os acordos relativos ás liquidacións dos anos 2012, 2013 e 2014.

Por último, o expediente de modificación de crédito aprobado hoxe permitirá pagar unha sentenza relacionada cunhas facturas do contrato de asesoría xurídica que quedaron sen pagar do anterior mandato, e polas que agora hai que abonar 112.381 euros

Amortización de débeda e transferencia ao Auditorio
No Pleno de hoxe tamén se aprobou, cos votos a favor de Compostela Aberta e coa abstención de PP, PSOE e BNG, unha transferencia ao Auditorio de Galicia por un importe de 124.146,62 euros. Esta achega complementaria permite manter a actividade do Auditorio, que este ano recibiu menos subvencións que en exercicios anteriores.

Por último, na sesión extraordinaria do Pleno celebrada hoxe autorizouse unha amortización anticipada de débeda por importe de 1.209.502,94 euros.