O presidente e a vicepresidenta de Sarela agradeceron o compromiso e a axuda que sempre lles ofreceu a Deputación
O presidente da Deputación, Diego Calvo, acudiu a visitar as novas instalacións da asociación de dano cerebral adquirido Sarela financiadas con achegas provincias para ampliar o seu Centro de Día en Santiago. Actualmente as obras remataron na planta baixa do edificio, que inclúe comedor e aulas para actividades e tratamentos, e durante os próximos meses está previsto realizar a mudanza.
Neste sentido, Diego Calvo anunciou que a entidade contará con outra achega provincial de 125.000 euros para o seu equipamento e para habilitar ascensores no edificio. Esta partida súmase aos preto de 300.000 euros que xa recibiu a asociación da Deputación coruñesa para dispoñer deste novo centro.
Ademais de facilitar a construción do novo recinto, este orzamento permitiu equipar ao novo centro do Castiñeiriño dunha sala multisensorial, moi importante para mellorar a calidade de vida dos seus usuarios. O titular provincial puido coñecer de primeira man esta aula na súa visita ás instalacións, na que Diego Calvo destacou o labor que desenvolve Sarela coas persoas con danos cerebrais e as súas familias. “Por iso, sempre atoparedes as portas da institución provincial abertas para axudarvos no voso traballo”, afirmou o titular provincial.
Actualmente continúan as obras na planta superior do edificio, onde se instalarán as oficinas e aulas para fisioterapia, terapia ocupacional, etc.
Dez prazas máis
As novas instalacións permiten ampliar e mellorar os servizos que ofrece Sarela. Así, o seu centro de día pasará de dispor de 12 prazas a 22 co seu traslado.
Ademais, Sarela conta tamén anualmente con axudas superiores aos 14.000 euros procedentes dos fondos provinciais para o mantemento das súas actividades ordinarias. Por iso, tanto o presidente de Sarela, José Balboa, coma a súa vicepresidenta, Concha Otero, mostráronse agradecidos coa Deputación e co seu presidente pola contribución que reciben da institución provincial. “Para nós é un orgullo e un logro estar hoxe aquí, levamos catro anos traballando moi duro e a Deputación, con Diego Calvo á cabeza, en todo momento, sempre que lle temos pedimos algo, estivo ahí”, sinalou ante os medios Otero.