Hoxe tivo lugar a entrega de diplomas no Lustres Rivas
O Centro Cultural Lustres Rivas serviu de escenario esta mañá para a entrega de diplomas dos 2 cursos de “Operador de Carretillas Elevadoras” que se realizaron os días 18 e 19 (1º curso) e 25 e 26 de novembro (2º curso), tendo lugar a parte teórica no Viveiro de Empresas do Concello de Riveira e a parte práctica na explanada do porto de Aguiño. A duración total dos mesmos foi de 10 horas/curso.
O acto contou coa participación da concelleira de Promoción e Dinamización Económica, Fabiola García, e da responsable do Servizo de Orientación Laboral do Concello, Carolina Pampín.
Segundo explicou a edil, ofertáronse un total de 20 prazas (10 en cada curso) e recibíronse un total de 68 solicitudes, o que dá idea da demanda que ten esta formación na zona.
Ademais dos cursos de operador/a de carretillas elevadoras e hixiene alimentaria e manipulación de alimentos, o Viveiro de Empresas acolleu durante este ano outras iniciativas formativas gratuítas de interese para as persoas desempregadas e a cidadanía en xeral.
Por unha parte, as xornadas de entre 3 e 4 horas de duración, da Escola Galega de Saúde para Cidadáns que se realizaron entre os meses de setembro e novembro e que xiraron ao redor das seguintes temáticas: primeiros auxilios, coidados a persoas con discapacidade, manexo do estrés e a ansiedade e prevención de úlceras por presión e outras lesións asociadas á humidade.
Así mesmo, na aula de formación do Viveiro tamén se realizou un curso do Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE) da Cámara de Comercio de Santiago dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no ficheiro de Garantía Xuvenil e que tivo lugar entre os meses de outubro e novembro. Este constou de 2 módulos: unha formación troncal de 65 horas de duración en relación á empregabilidade e habilidades sociais, novas tecnoloxías e inglés aplicado á busca de emprego; unha formación específica en inglés: “English for Work and Business” (60 horas).
Este luns día 28 as persoas participantes no Proemga (Programa de Formación e Acompañamento para a Mellora do Emprendemento Xuvenil) da Fundación Galicia Innova estiveron tamén no Viveiro para asistir á charla na que 2 das empresas instaladas compartiron a súa experiencia.
Cabe destacar que polo momento hai 4 empresas no Viveiro (Musieventos, Nórtica, Beatriz Gómez Monteagudo e Conoce Ribeira) que dispoñen de despacho, servizos comúns e asesoramento da Cámara de Comercio de Santiago e que continúa aberto o prazo de solicitude para que outras empresas novas ou de recente creación podan instalarse no Viveiro.