Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño inviste algo máis de 22.000 euros na mellora do equipamento da escola infantil municipal


O investimento conta cunha subvención dun 80% proveniente da Consellería de Política Social

A cifra exacta son 22.125 €, que se destinarán integramente a tres intervencións na escola infantil municipal A Rolada: a instalación dun sistema de climatización para os meses máis calorosos do ano, a ampliación do espazo de xogos a unha parte da galería de acceso ao centro e, ademais, a dotación das aulas con dispositivos dixitais interactivos. As actuacións contan cun finanzamento do 80% proveniente do FEDER a través dunha subvención da Consellería de Política Social á que os tres grupos municipais aprobaron acollerse no pleno do pasado 11 de agosto.

O primeiro cambio nótase xa na entrada da escola, onde o Concello levou a cabo unha completa remodelación para aproveitar o espazo da galería como recinto de xogos nos días de auga. Así, o proxecto substituiu o chan e as paredes por material acolchado e colocouse un separador do punto de entrega e recollida das crianzas, onde tamén se aproveitou para botar un firme antiesvarante. Na galería tamén se modificaron os ventanais e o sistema de ventilación para evitar a acumulación de condensación e, ademais, púxose unha soleira de aluminio que impida filtracións. E todo cunha decoración e unha pintura acordes co seu novo cometido.

Xa no interior do centro, un dos investimentos máis cuantiosos -case a metade do orzamento- ocupouse da climatización. E é que a escola só contaba cun sistema de calefacción por chan radiante que cubría as necesidades durante os meses máis fríos pero que, pola contra, non solucionaba a adecuación da temperatura nos días solleiros de finais da primavera e do verán nun edificio orientado ao sur en toda a súa lonxitude. Así, a opción pola que se tirou foi a de dotar as aulas con tres climatizadores tipo “cassete”, dos que van incrustados no teito.

Canda á tecnoloxía reguladora da temperatura, no proxecto subvencionado pola Consellería de Política Social tamén se incluiu equipamento tecnolóxico pensado para a educación. É o caso da instalación dunha pizarra dixital interactiva, dun proxector de vídeo coa súa pantalla e a adquisición de dúas táblets que axuden á aprendizaxe infantil. Neste sentido, os recursos didácticos e de atención aos nenos e nenas tamén se ampliaron con libros, bonecos, crebacabezas, instrumentos musicais, andadores de xoguete e dous carriños de bebé.

Por último, a intervención na escola infantil tamén se ocupou de mellorar as duchas do persoal cunha mampara de vidro e aluminio.

Tal e como se reflicte no proxecto presentado ás subvencións, a razón de acometer estas melloras obedece a “unha serie de necesidades en ivestimentos e equipamentos que, ou non se puideron acometer inicialmente por falla de orzamento ou foron detectadas posteriormente” . O investimento total ascende a 22.125 € sufragados nun 80% pola Xunta a través da convocatoria publicada na Orde do 13 de xullo de 2016 para a mellora de infraestruturas e equipamento das escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes dos concellos. Unha liña cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020. O Concello aprobou acollerse a estas axudas nun pleno extraordinario celebrado o pasado 11 de agosto. O acordo adoptouse co voto favorable dos tres grupos municipais.