Friday 22 de November de 2024

Costas abre o prazo para pedir autorización para instalacións de tempada e escolas de surf nas praias da provincia no 2017


Pódese solicitar nos Concellos dende hoxe ata o 18 de xaneiro

O Concello de Riveira desexa informar de que, de acordo coa información publicada onte no BOP pola Demorcación de Costas do Estado en Galicia, hoxe abre o prazo para presentar solicitudes para instalacións de tempada e servizos de escolas de surf, bodyboard, longboard e paddle surf nas praias da provincia coruñesa.

As solicitudes de autorización realizaranse a través dos Concellos nos que se pretenda levar a cabo tales explotacións.

O período de vixencia das autorizacións outorgadas a particulares será de 6 meses: dende o 1 de maio ata o 31 de outubro de 2017. No caso de terrazas vinculadas a establecementos ubicados fóra do dominio público o período de vixencia será de 10 meses (dende 1 de marzo ata o 31 de decembro de 2017).

No caso das escolas de surf, bodyboard, longboard e paddle surf, o período de vixencia será de 2 a 11 meses, elixibles entre febreiro e decembro de 2017, ambos inclusive.

O prazo de presentación de solicitudes iniciado hoxe conclúe o 18 de xaneiro. Excepcionalmente, no caso particular de terrazas sobre paseos marítimos vinculadas a establecementos fóra de dominio público, poderán presentarse solicitudes unha vez transcorrido o prazo fixado e ata o 31 de maio de 2017, sempre que se acredite que entre esas datas se ten producido un cambio de titularidade.

Nos Concellos están dispoñibles os modelos de instancia e condicións aplicables.