O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes emprende, un ano máis, a súa campaña ‘Un Nadal para todos e todas’. A través desta iniciativa veciños e veciñas poden facer que as familias con menos recursos desfruten destas festas. Simplemente basta con adquirir produtos envasados ou bebidas non alcohólicas nos supermercados Gadis, Covirán, Día%, Feiraco, Froiz e Eroski e depositalos nos contedores instalados nos mesmos establecementos. A campaña arranca hoxe e estará vixente ata o próximo 17 de decembro.
Nestes días tivo lugar unha xuntanza de traballo para organizar tanto o lanzamento e a posta en marcha como o reparto de todo o acadado. Unha convocatoria á que asistiron Susana García, concelleira de Servizos Sociais de Ordes; Mari Carmen Pérez, vicepresidenta de Cruz Vermella Ordes; e Pedro Regueira, de Cáritas Ordes. Cada un deles manifestou a súa satisfacción por facer realidade unha vez máis esta idea, e reafirmáronse na intención de seguir levando adiante iniciativas deste tipo.
Cabe salientar que a pasada edición rexistrou as mellores cifras dende o arranque deste proxecto solidario, contabilizándose máis de 1.100 produtos e alimentos doados.