Saturday 16 de November de 2024

O Museo do Humor colabora coa exposición “BDG70” que se amosa na sala “Normal” da Coruña


Cinco orixinais de Xosé Díaz, tres de Xesús Campos, unha reproducción de Xaquín Marín e catro figuras con volume -a de Xaquín Marín, a do Gaspariño, a Cabeza Galega e a de Chichi Campos-, propiedade do Museo do Humor de Fene, amósanse até o vindeiro 31 de decembro na sala “Normal” da Coruña, no marco da exposición “BDG70: a revolta do cómic galego”.
A mostra, dirixida polo debuxante Manel Cráneo e producida pola empresa Demo Editorial, é froito da investigación realizada en 2015 por Xulio Carballo (comisario da exposición) para a súa tese de doutoramento sobre a banda deseñada galega. O Concello de Fene facilitou o traslado e empréstito das obras de Marín, Chichi Campos e Xosé Díaz para o devandito proxecto no que tamén colaboraron institucións como a Real Academia Galega, o Museo Carlos Maside ou a Biblioteca e o Arquivo de Galicia.
“BDG70: a revolta do cómic galego” quere pór de relevo “a grande cantidade de artistas que, aínda en período ditatorial, canalizaron o seu pensamento antiautoritario e artístico a través dun medio aínda marxinal, o cómic, e dunha lingua pretendidamente marxinalizada, o galego. A riqueza e variedade temática, das técnicas artísticas e dos diferentes formatos empregados non deixarán indiferente o visitante, que con certeza vai poder mergullarse na historia política e social dos anos setenta por medio da novena arte”.
A exposición ten unha clara vocación tanto estética como didáctica e divulgativa, ao combinar o espertar creativo respecto da Banda Deseñada de diversos colectivos e autores que marcaron un punto de inflexión na concepción artística do momento, cunha fonda carga social, reivindicativa e cultural, coa que se pretende aportar unha clarificadora visión do tardofranquismo e da transición, así como da necesidade de xustiza social que estes novos creadores demandaban.
BDG70 ten como obxectivo recoller e amosar ao público as obras e documentos máis importantes e característicos do nacemento contemporáneo da banda deseñada galega que tivo, precisamente, unha das súas primeiras manifestacións na sala “Normal” hai 43 anos. A mostra inclúe 115 pezas, entre orixinais e reproduccións, de autores como Alberte Permuy, Antón Patiño, Fran Jaraba, Isaac Díaz Pardo, Luís Esperante, Miguelanxo Prado, Oitabén, Pepe Barro, Pepe Carreiro, Reimundo Patiño, Saavedra Pita, Xose Lois “Carrabouxo”, Xaquín Marín…
“BDG70: a revolta do cómic galego” amosarase ata o vindeiro 31 de decembro na “Normal” da Coruña. Horario de visitas: de luns a venres, de 11.00 a 21.30 horas. Sábados e domingos, pechada.