Estamos aínda a martes e quizais sexa adiantarse moito andar pensando xa o que imos facer o sábado. Pero hai unha razón para facelo. E é que este sábado temos dúas actividades ben interesantes sen movernos do concello. O que pasa é que, ademais de cadrar no día, tamén coinciden en boa parte na hora. Ou non, igual ata dá tempo a ir ás dúas se medimos ben os tempos. Ah, que aínda non dixemos cales son as actividades… Pois trátase da V Festa da Chanfaina en Bardaos e da II Festa da Cervexa artesá en Naraío. Dúas propostas que están a piques de pechar as inscricións, nun caso para xantar e no outro para participar nun curso acelerado de elaboración de cervexa que, xa pola noite e con entrada de balde, terá como convidado a Quico Cadaval.
Na parroquia de Bardaos teremos oportunidade de degustar un dos pratos típicos da zona, elaborado con sangue, carne e especias dentro do recho dun porco que alí fan abundante e saboroso.
Xantar contundente que comezará ás 15.00h. no local social e que se complementará con música ao vivo xa antes de sentar á mesa a xeito de sesión vermú. Unha actuación que continuará despois da sobremesa como acompañamento da tarde e como escusa para baixar o xantar a base de baile.
O prezo do prato son 15€ por persoa, incluíndo entrante, a bebida, a sobremesa e o café. Iso si, para ir xantar hai que reservar este mércores 30 como moi tarde contactando coa confraría do San Pipote nos teléfonos 630 563 130 ou 679 821 161.
E na outra punta do concello, en Naraío, a Asociación Veciñal O Castelo organizou a segunda edición da Festa da cervexa artesá con dúas partes -ou tres- ben diferenzadas. A partir das 16.00h, o experto Miguel Soto ofrecerá no local da Veiga un curso de elaboración de cervexa -5€ persoas socias e 10€ non socias- que pecha o prazo inscrición o xoves a través do teléfono 646 502 566.
Tralo curso, a iso das 20.00h., haberá unha degustación aberta ao público de cervexa feita previamente pola asociación acompañada de bolos preñados e, para pechar a noite, O Castelo de Narahío convidou a Quico Cadaval.
O actor e contador de historias non ofrecerá un monólogo, senón máis ben un parrafeo con ese estilo pausado e reflexivo que el ten de contar cousas que lle pasan na vida ou reflexións que ten na cabeza.Subirá ás táboas do local social da Veiga sobre as 21.30h. con entrada de balde para calquera persoa que se queira achegar, aínda que non participase no curso de cervexa.
E agora, a botar contas sobre como cadrar a axenda do sábado. Igual nos dá tempo a ir xantar a Bardaos e despois facer cervexa a Naraío. E se vemos que a cousa vai andar xusta, igual podemos ir papar a chanfainada Bardaos, botarlle alí unhas “piezas” e uns dixestivos e despois ir rematala a Naraío con bolos preñados, cervexa e risa asegurada… Pois ao mellor non é mala idea facer así, os números cadran. Todo é cuestión de organizarse. E máis aínda se queremos ir tamén ao partido de volei que enfrontará ás 19.30h. ao Aldebarán contra o Valladolid no pavillón municipal.