O Concello tamén organiza unha campaña de recollida de alimentos e produtos de hixiene persoal e do fogar para familias necesitadas
O Concello de Oroso vén de poñer en marcha dúas campañas solidarias a prol das familias máis desfavorecidas do municipio nas que conta coa inestimable colaboración do tecido comercial e empresarial orosán e que estarán operativas ata finais do vindeiro mes de decembro.
A primeira destas campañas, denominada “En Reis, ningún neno/a sen agasallo”, pretende que todos os nenos e nenas das familias máis vulnerables do municipio poidan disfrutar dun agasallo o día de Reis. Unha iniciativa na que conta coa desinteresada colaboración de noventa establecementos comerciais do municipio, que ata o vindeiro 22 de decembro albergarán nos seus locais unhas huchas para recoller os donativos que queiran facer os seus clientes.
A concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodeiro, agradece a implicación dos comerciantes orosáns xa que “entre todos conseguiremos que, nun día tan especial como o de Reis, todos os nenos e nenas teñan un xoguete co que poder xogar”. Así, o 22 de decembro os Servizos Sociais de Oroso recollerán os cartos, que serán entregados aos dous establecementos que lideran esta campaña, Refoxos e Aula 10, para que consigan os regalos para as familias máis desfavorecidas do municipio, previas “cartas aos reis” dos propios pequenos. Os agasallos serán entregados a principios de xaneiro ás familias, dunha forma totalmente discreta, para que poidan ser recibidos polos pequenos o Día de Reis.
Alimentos
A segunda campaña do Concello de Oroso pretende recoller alimentos, produtos de hixiene persoal e do fogar para as familias máis vulnerables do municipio. Neste caso, a campaña ponse en marcha en colaboración cos supermercados Familia e Covirán, que colocarán uns carriños na entrada dos seus establecementos para que aqueles veciños e veciñas que desexen colaborar na iniciativa poidan facer as súas achegas dun xeito rápido e sinxelo.
Dende os Servizos Sociais lembran que as achegas teñen que ser de produtos non perecedoiros e correctamente empaquetados: conservas, aceite, leite, pasta, legumes, arroz… Ademais, lembran tamén da necesidade doutros produtos nos que habitualmente non se pensa e que tamén son precisos, tales como azucre, sal, produtos de hixiene corporal e produtos de limpeza para o fogar. Os Servizos Sociais orosáns serán os encargados de recoller periodicamente estas achegas e de facerllas chegar ás familias máis necesitadas do municipio. A campaña especial estará operativa ata o vindeiro 31 de decembro.