A sala de exposicións da Casa da Cultura Santeiros de Chave de Lousame acolle ata o próximo 11 de decembro unha exposición cunha selección das imaxes presentadas ao XII Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado, dentro do programa de exposicións itinerantes da Deputación da Coruña.
Esta mostra recolle cinco colección presentadas ao premio Luís Ksado, entre elas a gañadora do certame: “O vo de midgie”, da fotógrafa Bandía Ribeira. Unha obra que “presenta un concepto novo da familia e revisa o concepto de marxinalidade”, explica o xurado no seu fallo, salientando que a autora usa “unha linguaxe críbel, de verismo fotográfico” para tratar un tema de actualidade. A exposición que se pode visitar na Casa da Cultura de Lousame complétase coas coleccións “Vida e morte na Franxa de Gaza” de Juan Ramón Robles González (Madrid), “Quidam” de Ana Rello Fernández (Santiago), “Irmá” de Noela Roibás Rodríguez (Pontevedra) e “Aloitadores de Sabucedo” de Xabier Fernández Comesaña (Vigo), finalistas desta edición do premio Luís Ksado.