Os clientes que participen entrarán no sorteo dunha cea para dúas persoas e dun circuíto termal para dúas persoas
A terceira edición do concurso de tapas do Concello de Frades, que terá lugar este sábado 3 e domingo 4 de decembro, contará coa participación de seis locais hostaleiros: café-bar O noso mesón, Adega A Coviña, Bar Vilariño e Taberna “O Mesón” (Ponte Carreira), hostal-restaurante O Cadaval (Ledoira) e Casa Vella (Abellá). Durante esa fin de semana, estes locais ofrecerán de xeito gratuíto aos seus clientes unha tapa con cada consumición.
As tapas a concurso este ano son: Garbanzos con mexillóns e langostinos, Brocheta de mar e tortilla á verdurana, Montadiño de raxo, Empanada de zamburiñas, Setas e Magosto cruxiente. Os horarios para degustar as tapas serán de 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 22:30 horas (sábado 3) e de 12:00 a 15:00 horas (domingo 4). Con cada consumición, o cliente recibirá un pasaporte de votación, que deberá selar en cando menos 5 dos locais para que o seu voto sexa considerado válido.
Premios
Os clientes que tomen parte nesta terceira edición do concurso de tapas de Frades, que deberán ser maiores de 16 anos, participarán no sorteo de dous premios: unha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio e un circuíto termal para dúas persoas. Os gañadores serán informados por teléfono. Pola súa banda, os locais participantes competirán por un primeiro premio de 300 euros e placa conmemorativa; así como por un segundo premio de 150 euros.
As dúas primeiras edicións deste concurso foron gañados por Raxería Al Alba, que este ano non tomará parte no certame ao atoparse en obras, seguido en ambas ocasións polo Bar Vilariño. A iniciativa foi todo un éxito nestas dúas primeiras edicións, nas que se degustaron máis de mil e dúas mil tapas, respectivamente.