Thursday 21 de November de 2024

Culminada a segunda fase da dixitalización dos arquivos históricos de Riveira cos libros de actas entre 1917 e 1960


O Concello de Riveira informa de que no día de hoxe culminou a segunda fase do proceso de dixitalización dos arquivos históricos de Riveira coa entrega nun formato dixital dos documentos obxecto desta acción, é dicir, os libros de actas dos plenos comprendidos entre os anos 1917 e 1960.

A tenente de alcalde Fabiola García, concelleira responsable de transparencia e administración electrónica; o arquiveiro José Antonio Sobrido; e o secretario xeral Juan Manuel Salguero; estiveron presentes na entrega do material de mans de Balbina Gándara, membro da consultora Unayta que se encargou de realizar estes traballos.

Para a súa materialización o Concello acolleuse a unha liña de axudas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta. A intención é facer este material accesible aos cidadáns e investigadores ao tempo que se permite mellorar así a conservación dos documentos orixinais.

Primeira fase
Cómpre lembrar que na primeira fase xa executada se procedeu a pasar a formato telemático os libros de actas de entre 1862 e 1916; os padróns de habitantes de entre 1862 e 1960; e o Libro Rexistro de Emigrantes de entre 1923 e 1937.