A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que recibiu a Medalla do Colexio, participou no encontro que conmemora o patrón deste oficio, San Eloi
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asistiron en Teo á Gala da Xoiaría Galega, organizada polo Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia e que se celebra todos os anos na honra do patrón deste oficio artesanal, San Eloi.
Sol Vázquez sinalou que este encontro supón unha oportunidade para destacar o labor dos xoieiros e xoieiras de Galicia, ao tempo que defendeu a aposta por fomentar a innovación nos procesos de deseño, produción e loxística para incrementar a competitividade e a oportunidade de abrir o sector a novos mercados; un camiño no que, segundo indicou, a Consellería de Economía, Emprego e Industria seguirá a apoiar á xoiaría galega.
A gala contribúe a recoñecer, por parte do Colexio, o traballo de colexiados e personalidades galegas a través da entrega das Seguetas de Prata e Ouro e da Medalla do Colexio. Nesta ocasión, as Seguetas de Prata por toda unha vida entregada á xoiaría concedéronse a José Ramón Barreiro Verea de Joyería Barreiro, de Noia (A Coruña); a Rosa María Fariña Pérez, de Joyería Rosant, do municipio pontevedrés de Marín; e a Isabel Muñoz-Redondo Pérez, da Joyería Isabel Muñoz-Redondo, da Estrada (Pontevedra).
Pola súa traxectoria profesional a prol da profesión de xoieiro, nesta edición, a Segueta de Ouro foi concedida a Senén Rodríguez Martínez, que rexenta o seu establecemento na cidade de Lugo. No apartado de non colexiados, distinguiuse coa Medalla do Colexio de Xoiaría á directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal.
O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia desenvolve un importante traballo en favor do sector e está implicado en diferentes proxectos emprendidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de artesanía co obxectivo de impulsar a introdución do produto artesán galego no mercado internacional baixo a imaxe común do feito en Galicia e a garantía de calidade e prestixio que lles brinda a marca Artesanía de Galicia, impulsada pola Xunta.