O programa remata hoxe coa realización dun curso en Santiago ao que asistirán 94 alumnos
Máis de 200 persoas participaron nas actividades realizadas na provincia da Coruña dentro do programa formativo de seguridade alimentaria para comedores de centros educativos públicos da Xunta de Galicia.
O programa contempla a hixiene tanto na conservación como na elaboración, preparado e servizo de alimentos de consumo humano, e versa as medidas preventivas para minimizar ou eliminar os riscos relacionados cos alimentos; principais enfermidades que poden ser transmitidas a través deles; factores contribuíntes máis frecuentes na aparición destas doenzas e medidas necesarias para a súa prevención; prácticas correctas de hixiene e manipulación dos alimentos; e lexislación alimentaria aplicable.
Esta actividade, desenvolvida pola Delegación da Xunta de Galicia da provincia da Coruña a través das Xefaturas Territoriais de Sanidade e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está destinada a todos os profesionais ou coidadores relacionados cos comedores escolares dos centros educativos da Consellería de Educación da provincia da Coruña.
O programa remata hoxe coa realización dun curso en Santiago, no Edificio Administrativo de San Lázaro, ao que asistirán 94 alumnos. Anteriormente celebráronse dúas edicións máis en Ferrol (con 37 participantes) e na Coruña (con 73 asistentes).