Friday 22 de November de 2024

Arranca a segunda fase da obras da rúa do Parque


O proxecto inclúe a instalación de novas beirarrúas, melloras na pavimentación da calzada, no sitema de pluviais e a colocación de novas tubaxes eléctricas. O investimento supera os 57.000 €

O Concello de Ordes acaba de iniciar as obras de reposición de 146 metros de beirarrúas na rúa do Parque. O presuposto destinado ascende a 57.800 €, provintes do remanente das contas municipais de 2015. Unha cifra que sumada aos 50.000 € investidos no pasado para executar aprimeira fase do proxecto acadan os 107.800 € para prestar un mellor servizo a peóns e condutores nunha das arterias principais da vila de Ordes, marcada tanto pola actividade comercial como por seu unha das principais zonas de ocio ao aire libre.

A día de hoxe xa se está levando a cabo a demolición da estrutura existente para proceder o antes posible coa instalación da nova. Tal e como se indica no proxecto colocaranse novas baldosas táctiles de formigón con botóns para pasos de peóns, aspecto que aumentará a seguridade, e rematado cun bordo de granito.

Previamente instalarase unha nova tubaxe para mellorar o sistema de iluminación pública, ademais da reposición de arquetas con sumidoiro para a recollida de pluviais. Para unha correcta drenaxe contémplase unha franxa de formigón cunha anchura de 25 cm entre a beirarrúa e a calzada.

Tamén se contempla a mellora da capa de rodaxe para vehículos mediante a aplicación de aglomerado quente tras ser reparados os baches e perfilarse debidamente o tramo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Por último sinálanse a conexión se sumidoiros e sinalización horizontal co pintado correspondente.

Actuación completa
Con esta obra complétase o plan de actuación dunha das arterias principais da vila de Ordes. Foi a finais de setembro cando rematou a primeira actuación cun investimento de 50.000 € cofinanciados nun 80% polos fondos FEADER, tras ser aprobados pola Xunta de Galicia. Un investimento que supuxo notables melloras no pavimento, ademais de permitir a construcción de beirarrúas, a instalación dunha rampla para a eliminación de escaleiras, así como outras intervencións na área que rodea o parque Félix Rodríguez de la Fuente pola rúa O Recreo.