As probas prácticas e simulacións coas que rematou esta semana a fase de avaliación para obter o certificado realizáronse na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
A Xunta de Galicia vén de rematar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) as probas prácticas e simulacións para os 220 candidatos que optan este ano a obter o certificado de profesionalidade en extinción de incendios e salvamento. Co este certificado aos aspirantes recoñéceselles a súa experiencia profesional neste eido.
A Xunta convoca por segunda vez este procedemento na cualificación de extinción de incendios e salvamento. O pasado ano obtiveron o certificado preto do 90% dos candidatos que se presentaron ás probas.
A fase de avaliación que se leva desenvolvendo desde o pasado mes de outubro caracterízase por un proceso individualizado e eminentemente práctico. Os candidatos xa realizaron entrevistas e supostos prácticos para demostrar os seus coñecementos, capacidades e actitudes profesionais e estes días están a realizar as probas prácticas e simulacións nas que están a executar, entre outros, operacións para salvar vidas en perigo con probas de rescate en altura, en espazos confinados con produtos tóxicos ou excarcelacións.
Así mesmo, as probas inclúen actividades de extinción de incendios no ámbito urbano, forestal e espazos con materias perigosas, actuacións para paliar riscos meteorolóxicos ou xeolóxicos e para o control de emerxencias en casos de achiques de auga, de liberación en ascensores ou escaleiras mecánicas.
Os resultados finais serán comunicados por escrito a cada un dos candidatos no prazo máximo de dous meses desde o día que finalizou a avaliación. A aqueles que non acaden o certificado facilitaráselles un plan individualizado de formación a través do que se precisará a formación complementaria que debería realizar.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou este ano unha nova convocatoria para acreditar a experiencia profesional dos traballadores galegos con 2.171 novas prazas e dúas novas cualificacións: aproveitamentos forestais e tanatopraxia.
Así, en total son 10 cualificacións as que se convocaron, as dúas novas e as de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, e a persoas dependentes en institucións sociais; servizos para o control de pragas; xestión de servizos para o control de organismos nocivos; socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas; extinción de incendios e salvamento; e confección e mantemento de artes e aparellos.
Estas acreditacións teñen carácter oficial e validez nacional, polo que as persoas que obteñan estes recoñecementos poderán facelos valer no mercado laboral como certificados oficiais dos coñecementos e capacidades adquiridos a través de anos de experiencia. Isto facilitará ás persoas avanzar e progresar na súa carreira profesional e ás empresas permitiralles optimizar o aproveitamento dos seus recursos humanos.
O Goberno galego vén publicando desde 2011 este procedemento para recoñecer as competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. De media, ao ano, véñense convocando desde entón en torno a 2.000 prazas. En 2011, ademais, a Comunidade converteuse nunha das rexións pioneiras en impulsar este procedemento de recoñecemento da competencia profesional.