Ángeles Vázquez asistiu en Sanxenxo á 8ª xornada de convivencia “Fin da Vendima 2016” organizada pola Cooperativa Vitivinícola Arousana
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a cantidade e a boa calidade da uva colleitada en Galicia na vendima que vén de rematar nas diferentes denominacións de orixe de viño da nosa comunidade. Así, salientou que –con case 60 millóns de uva recollida– esta foi a terceira colleita máis abondosa da década e que está lixeiramente por riba da media dese período.
A titular de Medio Rural asistiu en Sanxenxo á 8ª xornada de convivencia “Fin da Vendima 2016” organizada pola Cooperativa Vitivinícola Arousana. Neste acto felicitou a viticultores e adegueiros por estes bos resultados e puxo en valor, en especial, os da Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta zona foi a única que rexistrou un aumento da produción respecto ao ano anterior, un 5% máis ca no 2015 e ata un 21% superior respecto á media da década 2007-2016.
Nesta D.O. a colleita total ascendeu a 33.404.961 quilos, sendo a terceira maior da súa historia. Ademais, a entrada da uva en vendima produciuse en óptimas condicións, con graduacións e acideces moi compensadas e un excelente estado hixiénico sanitario. Como vén sendo habitual nesta denominación de orixe, nesta vendima tamén se deu un predominio das variedades de uva branca, que representou o 99% do colleitado e correspondendo á uva albariña o 96,5% do total producido.
Neste evento a conselleira tamén incidiu no feito de que o vitivinícola é un dos sectores estratéxicos para a economía de Galicia, sendo o máis exportador dentro do tecido agroindustrial. Como proba desta relevancia sinalou que en 2015 as adegas galegas comercializaron 387.000 hl de viño, cun valor en orixe duns 180 millóns de euros.
Ademais, o sector galego do viño segue a incrementar as súas exportacións. Na campaña 2014/2015 (a última con resultados de comercialización) as vendas no estranxeiro subiron un 104,6% respecto á campaña 2008/2009, o que significa que o sector exporta o 17,5% da produción total.
Adega Paco & Lola
No contexto da internacionalización dos nosos viños, Ángeles Vázquez destacou en particular o papel desempeñado pola adega Paco & Lola, pertencente á Cooperativa Vitivinícola Arousana. Así, esta marca comercializa no exterior ata un 40% da súa produción e salienta, ademais, pola súa proxección en redes sociais e a súa coidada e orixinal imaxe corporativa.