O prazo de presentación de candidaturas remata o 20 de novembro
A Fundación Galicia Europa vén de publicar unha nova convocatoria do seu programa de bolsas de formación en asuntos europeos, en liña con dous dos seus principais obxectivos: achegar a realidade europea á sociedade galega e mellorar a empregabilidade dos mozos da comunidade. Deste xeito, nesta ocasión, cinco titulados universitarios e un técnico de Formación Profesional realizarán estadías de xaneiro a decembro de 2015 nas oficinas da FGE en Santiago e Bruxelas.
Catro das bolsas de formación estarán centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas comunitarias que máis afectan a Galicia, así como na captación de financiamento e a xestión de proxectos europeos. Para esta modalidade valoraranse preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais, Ciencias Económicas e Administración e Dirección de Empresas.
A FGE ofrece, ademais, unha bolsa radicada na oficina de Bruxelas e destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, co obxectivo de que o beneficiario se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos.
Así mesmo, por segundo ano consecutivo, a Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa dirixida a técnicos superiores en Secretariado ou en Administración e Finanzas para a realización de prácticas na oficina de Bruxelas.
A convocatoria, publicada onte na web da Fundación Galicia Europa www.fundaciongaliciaeuropa.eu, detalla os prazos e procedementos para a presentación de solicitudes, así como os requirimentos de admisión para cada tipoloxía de bolsa e as fases do proceso de selección.
Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o 20 de novembro, mediante envío por correo certificado ou depositándoa persoalmente en calquera das dúas oficinas da FGE. Unha vez pechado o prazo e publicada a listaxe de admitidos, o proceso de selección desenvolverase de modo simultáneo para todas as categorías, comprendendo unha proba escrita -prevista para o 5 de decembro-, un concurso de méritos e unha entrevista persoal.
A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1988 co fin de propiciar o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.