Saturday 16 de November de 2024

Martínez Sanjurjo comprométese na entrega dos premios Enfermería en Desarrollo a corrixir o erro histórico que mantén no esquecemento a Isabel Zendal


O edil ordense recolleu en Madrid o galardón condedido á que foi a primeira enfermeira da historia en misión internacional segundo a OMS. A vindeira semana o Pleno municipal concederalle o título de filla predilecta. Tamén se lembrou a figura de Ramón Ferreiro Regos, coñecido popularmente como ‘Ramón o practicante’

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, recolleu onte o Premio Especial Enfermería en Desarrollo, concedido de xeito póstumo a Isabel Zendal, considerada pola Organización Mundial da Saúde como a primeira enfermeira do mundo en expedición internacional.

O acto de entrega da terceira edición destes premios tivo lugar no Círculo de Belas Artes de Madrid ante medio milleiro de persoas convidadas e representantes do campo da medicina, considerándose un dos eventos máis importantes no seu eido. O rexedor recibiu o galardón de mans do Presidente da Fundación para o desenvolvemento da Enfermería Fuden, Víctor Aznar. Un momento que quixo compartir de xeito especial co escritor Javier Moro e co historiador e xornalista Antonio López Mariño “os auténticos protagonistas da recuperación da figura de Isabel Zendal”. O rexedor ordense agradeceu “un acto no que se pon de manifesto e se honra o gran feito levado a cabo pola nosa veciña da parroquia de Parada (Ordes), que en 1803 partiu na expedición filantrópica para estender a vacina da varíola por América e Filipinas”.

Martínez Sanjurjo invitou a corrixir “o erro histórico que se traduce no descoñecemento de Isabel Zendal pola meirande parte da poboación, aínda 200 anos despois da gran epopea que levou a cabo, a transcendencia que tivo a expedición Balmis e a grande heroicidade dos seus protagonistas”.

O alcalde de Ordes recoñeceu abertamente a inxustiza que o municipio ordense cometeu con Isabel Zendal “ao darlle as costas ata o de agora” sen recoñecerlle o mérito que merece. Un erro que se corrixirá con feitos como o que terá lugar no vindeiro pleno do día 30 deste mes, “no cal será nomeada filla predilecta do municipio”, avanzou. A intención do actual equipo de Goberno pasa tamén “por bautizar o futuro centro social polivalente que se construirá na vila no ano 2017 co seu nome”.

‘Ramón o practicante’
Martínez Sanjurjo tamén pronunciou palabras de agradecemento e de recoñecemento para o labor levado a cabo polo conxunto dos profesionais sanitarios e especialmente do ámbito da enfermería “que co seu esforzo non só contribúen a formar unha sociedade máis saudable e con maior calidade de vida, senón a reducir o sufrimento e a acadar o equilibrio necesario entre corpo e mente”. Un momento que aproveitou para falar doutro dos fillos predilectos do concello, Ramón Ferreiro Regos, coñecido popularmente como ‘Ramón o practicante’ “eternamente presente na memoria das persoas de Ordes como exemplo de entrega aos demais e particularmente ás persoas enfermas”. Un tributo que o edil de Ordes fixo “extensible a todos os enfermeiros e enfermeiras en nome da sociedade ordense”.

Os galardonados deste ano foron a xornalista Ana Pastor polo seu apoio e colaboración no recoñecemento da profesión enfermeira e pola súa defensa da sanidade pública. Tamén os enfermeriros Mercedes Gómez Borao, Lourdes Martín López, Marta Pisano González, Esteban del Pozo García e Ana Piedrafita García, Jorge Caro Bautista, Noelia Quirant Arellano e Antonio Jesús Núñez Montenegro.

O dito acto de entrega dos galardóns, outorgados poa revista Enfermería en Desarrollo, e editada polo Sindicato de Enfermería (SATSE) en colaboración coa Fundación para o Desarrollo de la Enfermería, contou coa asistencia do conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid, Jesús Sánchez Martos, quen tamén puso en valor o traballo e capacitación dos profesionais do sector.

Os premios Enfermería en Desarrollo teñen como principal obxectivo apoiar a enfermeiros, enfermeiras e fisioterapeutas que traballan polo desenvolvemento da profesión, así como recoñecer colectivo á súa aportación.