O pleno de Oroso aprobou por unanimidade a modificación puntual número 10 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), de maneira que se lle dá cumprimento a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a concentración parcelaria das parroquias de Senra, Cardama e Vilarromarís.
O acordo refírese a una resolución xudicial que acepta parcialmente o recurso presentado por tres veciños pola concentración parcelaria. Neste proceso, parte dos seus terreos foron calificados como solo de protección forestal ou de montes, polo que esas propiedades eran destinadas a prado. A sentenza do TSXG estima que eses terreos deben ser clasificados como solo de protección agropecuaria, o que obriga a modificar o PXOM. A modificación xa fora aprobada inicialmente polo pleno en xaneiro de 2016. Superou o período de exposición pública sen que se presentase alegacións e agora apróbase con carácter provisional.
A corporación adheriuse plenamente a un manifesto contra a violencia de xénero presentado polo goberno de Oroso. O texto, lido pola concelleira de Muller, Mari Carmen Liste, fai fincapé no “compromiso firme e permanente” do Concello fronte a esta lacra social, reivindica destinar máis recursos públicos e políticas de tolerancia cero que interveñan especialmente no eido educativo “para que a violencia de xénero non pase de xeración en xeración”.
Mocións
No apartado de mocións, o BNG retirou a súa relativa ao 25-N á vista do manifesto presentado polo executivo. Mantivo unha proposta na que solicita as modificacións legais necesarias para garantir a submnistración de electricidade para as familias e fogares máis desfavorecidos e outra na que demanda que a autoestrada AP-9 sexa transferida á Xunta de Galicia. As dúas propostas recibiron o apoio do goberno (PSOE), o concelleiro de Son de Oroso-Anova e o propio BNG. O PP votou en contra. Con idéntico resultado, aprobouse unha moción presentada polo PSOE para que a regulación que a Xunta pretende introducir sobre vivendas e apartamentos de uso turístico teña en conta as demandas dos seus propietarios, sen prexudicalos.
Senda en Marzoa
Na quenda de rogos e preguntas, o alcalde, Manuel Mirás, explicou que o Concello xa solicitou hai varios anos que a Deputación constrúa unha senda peonil ao paso da estrada provincial pola parroquia de Marzoa. “O PP tivo catro anos para facelo mentres gobernou a Deputación provincial; pedímosllo e non o fixo, agora agardamos que o actual goberno da Deputación sexa máis sensible”, suliñou Mirás ante unha petición do grupo local do PP.
Por outra parte, o alcalde expuxo que o Concello contempla utilizar o aval da Unión Temporal de Empresas (UTE) encargada das obras do novo enlace da AP-9 en Sigüeiro para reparar a estrada que une a rotonda da N-550 co Portiño a través da Rúa da Ulloa. Así, a UTE tería que facerse cargo dos danos ocasionados pola súa maquinaria no vial. Foi en resposta a unha suxerencia do BNG, que propoñía incluír o proxecto nun plan provincial. O goberno descarta utilizar fondos públicos para tal fin, dada a causa da deterioración do vial.