Os pequenos asistiron a unha sesión teatral a cargo de Ghazafelhos
Máis de 200 nenos e nenas dos distintos centros educativos do municipio participaron esta mañá no programa especial do Concello de Oroso en conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Os pequenos asistiron en primeiro lugar a unha sesión teatral de “Iriña bailarina”, a cargo de Ghazafellos, na que lles plantexaron cuestións como a igualdade de xénero, os estereotipos sociais ou o cambio de roles.
Pasadas as 11:00 da mañá, os pequenos trasladáronse cos seus profesores e profesoras do centro cultural ata a Praza do Concello, onde despregaron un gran lazo violeta contra a violencia de xénero. A concelleira da Muller, María del Carmen Liste, deu lectura a un manifesto oficial contra a violencia de xénero, diferente ao aprobado no pleno do pasado xoves, xa que este estaba adaptado ás idades dos pequenos.
María del Carmen Liste estivo acompañada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, as concelleiras de Ensino, Beatriz Rodeiro; e Turismo, Vanesa Boo; e o concelleiro de Cultura, Luís Rey; así como concelleiros dos demais grupos municipais. Unha ducia de cativos, os seus mestres e os concelleiros deron lectura a distintas mensaxes contra a violencia de xénero. Os pequenos e pequenas estiveron acompañados en todo momento por Troi, a mascota do Concello de Oroso.
.