A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, sinala que “a mellor maneira de previr a violencia de xénero é educando” e ten unha lembranza especial para Dorotea Bárcena
O Concello de Brión adiantou á noite de onte xoves o seu acto de conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, coincidindo coa representación da obra “As fillas bravas”, do grupo Chévere. Ante preto dun cento de veciños e veciñas, o alcalde de Brión, José Luís García, explicou que “aproveitando que esta obra trata precisamente sobre o empoderamento, quixemos presentarvos o III Plan para a Igualdade entre Homes e Mulleres, que ou xa recibistes esta semana ou vos chegará en breve canda a revista municipal Altamira”.
García explicou que “en Brión xa levamos 10 anos traballando arreo neste tema, con dous plans xa desenvoltos, e aínda que podemos dicir que estamos avanzando na redución das desigualdades existentes entre mulleres e homes, tamén temos que recoñecer que é necesario seguir traballando con maior forza para acadar unha plena igualdade de oportunidades”. Neste sentido salientou que “analizando os resultados do anterior plan, vemos que avanzamos en temas de conciliación, prevención da violencia de xénero, corresponsabilidade… pero tamén que temos que mellorar en cuestións como o emprego, pois a equidade real e efectiva só se logrará coa incorporación das mulleres ao mercado laboral nas mesmas condicións e coas mesmas oportunidades que os homes”.
A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, explicou que “estamos convencidos de que a mellor maneira de previr a violencia de xénero é educando. E por iso organizamos charlas nos distintos centros educativos nas que participaron máis de oitocentos nenos e nenas a quen lles presentamos este Plan”. Rosa Romero sinalou que “ogallá así consigamos algún día, espero que máis pronto ca tarde, que ningunha muller sufra violencia ou discriminación algunha por razón de sexo”.
Finalmente, no marco da conmemoración do 25-N e da celebración dunha obra de teatro, a concelleira tivo un recoñecemento especial para Dorotea Bárcena, falecida esta mesma semana. Rosa Romero asegurou que Bárcena foi “un exemplo para as mulleres dende as súas distintas facetas: como actriz, dramaturga, directora, fundadora de varias compañías de teatro e por ser a primeira muller directora do Centro Dramático Galego”.
O III Plan para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes está promovido e coordinado polo Concello de Brión, conta coa financiación da Deputación da Coruña e foi realizado por Edesga Igualdade.