Saturday 16 de November de 2024

A Xunta aposta pola formación e a preparación da Policía Local para a detección temperá de casos de violencia de xénero


En 2014 convocáronse máis de 160 cursos de formación continua á Policía Local, 1.200 prazas e máis de 3.000 horas dentro dun plan de formación completo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou pola formación e a preparación dos axentes de policía local galegos en materia de violencia de xénero. Foi durante o acto de entrega duns recoñecementos do traballo de varios axentes das Policías Locais de Santiago e Pontevedra, que se celebrou na sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Rueda defendeu o importante labor destes axentes, os máis próximos ao cidadán, e anunciou que terán un papel fundamental na rede de Alerta Municipal para a detección temperá de casos de violencia de xénero. Para que cumpran con esa función de xeito meritorio brindoulles a colaboración da Agasp, como centro encargado da súa formación.

A Xunta é consciente de que para avanzar na loita contra a violencia de xénero todas as administracións deben traballar de xeito conxunto. Así, en Galicia xa temos por primeira vez a axentes da Policía Autonómica especializados neste eido, temos acceso á aplicación VIOGEN -grazas a un convenio de colaboración co Ministerio de Interior-, e estamos a elaborar un protocolo de colaboración entre forzas e corpos de seguridade.

No acto de hoxe entregouse por primeira vez na historia da Agasp unha placa de mérito colectivo, que recaeu no corpo de Policía Local de Santiago polo seu traballo e dedicación na traxedia de Angrois; e unha Medalla ao Mérito ao axente David Abollo, policía local de Pontevedra que arriscou a súa vida nun rescate o ano pasado no río Lérez.

Ademais, tamén se entregaron os distintivos de permanencia a 50 profesionais que levan 25 anos dedicando a súa vida a garantir a seguridade e a convivencia pacífica; os diplomas aos alumnos da 4ª promoción de oficiais da Policía Local -cunha mención especial pola súa excelencia- e os trofeos do V Campionato de Tiro Autonómico Policial.

Temarios gratuítos na Internet
A Xunta aposta por ofrecer a todos os axentes a formación máis completa posible desde o inicio da súa traxectoria. Así, ademais da formación puntual que reciben os axentes de novo ingreso, este ano a Academia dará un paso máis e publicará a partir deste mes -e con acceso libre e gratuíto en internet- os temarios para os cursos de acceso á policía local.

Este ano a Academia convocou máis de 160 cursos de formación continua á Policía Local, 1.200 prazas e máis de 3.000 horas dentro dun plan de formación completo, que se elaborou a partir das suxestións dos propios alumnos e que atende especialmente á faceta práctica dos contidos.