Saturday 16 de November de 2024

O Consello da Xunta aproba as estratexias dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural para investimentos no agro ás que se destinarán 84 millóns de euros do Plan Leader


O presidente da Xunta afirma que as actuacións que financiar poden ser de natureza produtiva ou encamiñadas a mellorar a dotación de servizos e equipamentos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta deu o visto e prace ás estratexias dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). En total, destinaranse 84 millóns de euros do Plan Leader a impulsar os proxectos que desenvolven estes grupos.

O Plan Leader 2014-2020 é a principal ferramenta que a Unión Europea pon a disposición de Galicia para impulsar o seu agro e a súa metodoloxía susténtase precisamente nos Grupos de Desenvolvemento Rural, que permiten que se decida o mellor xeito de aplicar as axudas e as actuacións que financiar. Estas poden ser de natureza produtiva ou encamiñadas a mellorar a dotación de servizos e equipamentos.

Feijóo precisou tamén que os Grupos actúan nas entidades de poboación de menos de 6.000 habitantes das provincias da Coruña e Pontevedra e de menos de 10.000 habitantes de Lugo e Ourense.

O reparto dos fondos
No que atinxe ao reparto dos fondos, o titular do Goberno galego sinalou que 82 millóns irán destinados directamente aos Grupos de Desenvolvemento Rural, que recibirán cada un entre 3 e 5 millóns de euros. Os 2 millóns restantes destinaranse a cooperación, satisfacer compromisos pasados e a abonar gastos administrativos derivados da preparación dos grupos.

A achega que recibirá cada GDR vén definida pola valoración obtida nas súas estratexias. Por tanto, o reparto inicial de fondos que se deu a coñecer hoxe é unha asignación provisional que será revisable en xaneiro de 2019, cando se valorará a execución dos proxectos ata ese momento para modificar os orzamentos de cara ao final do programa.

Os proxectos
A partir de agora, os GDR poden comezar a asinar os seus convenios de colaboración para que os proxectos comecen a ser recibidos a principios de xaneiro.

Os ditos proxectos incidirán nos seguintes ámbitos: a mellora da calidade de vida da poboación máis envellecida; a implantación das TIC; a implantación de servizos profesionais; o aproveitamento de produtos de calidade diferenciada; a conciliación familiar; o apoio a colectivos desfavorecidos; a redución dos desequilibrios entre as zonas rurais e periurbanas; e a promoción dos territorios e a mellora dos servizos turísticos.

Segundo lembrou o máximo responsable autonómico, durante o anterior período operativo, 2007-2013, 31 Grupos de Desenvolvemento Rural resolveron 2.183 proxectos cunhas axudas de 91,7 millóns que mobilizaron máis de 226 millóns de euros.