Friday 22 de November de 2024

A capacidade de gasto da Xunta en 2017 medrará ata 300 millóns de euros polo aforro doutros 40 millóns en xuros da débeda


O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o límite de gasto non financeiro, que medra un 2,9% e ascende ata os 9.063 millóns

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou que a capacidade de gasto da Xunta de Galicia en 2017 medrará ata 300 millóns de euros, xa que o límite de gasto non financeiro aumentará en 259 millóns respecto ao Orzamento do actual exercicio, e a iso sumaranse outros 40 millóns de euros polo aforro nos xuros da débeda.

O titular de Facenda presentou hoxe no pleno do Parlamento o límite de gasto non financeiro para 2017, aprobado xa no Consello da Xunta. O teito de gasto ascende a 9.063 millóns, un 2,9% máis que o gasto previsto nos orzamentos vixentes, de xeito que a Comunidade Autónoma superará o límite dos 9.000 millóns por primeira vez desde o ano 2011.

Na súa intervención, o conselleiro detallou que do total do límite de gasto, 8.748 millóns proceden de ingresos non financeiros, 298 proceden do cumprimento do obxectivo de déficit e 17 millóns de axustes de contabilidade nacional. Valeriano Martínez confirmou que Galicia volverá cumprir en 2017 o límite de déficit público para as comunidades autónomas comunicado no Consejo de Política Fiscal e Financiera, que será do 0,5%.

O conselleiro de Facenda insistiu en que o incremento da capacidade de gasto permitirá reforzar o crecemento da economía galega e a mellora do mercado laboral. Ademais, resaltou que o límite de gasto presentado hoxe terá como prioridade na asignación dos novos recursos “a quen máis os necesita”. Tamén permitirá que o Goberno galego entregue de xeito inmediato no Parlamento os orzamentos para 2017 para que a Cámara os poida aprobar o antes posible.

Para 2017, sinalou que entre os obxectivos seguirán estando a redución progresiva do déficit público e que Galicia siga estando entre as comunidades autónomas con menor taxa de endebedamento. En ambos eidos Galicia segue sendo unha comunidade de referencia no cumprimento dos obxectivos de estabilidade.

O Goberno galego trasladou hoxe ao Parlamento o límite de gasto non financeiro logo de presentar a principios de setembro unha estimación de teito de gasto de 9.039 millóns de euros, 24 menos do límite aprobado a pasada semana. Esta estimación serviu á Administración galega para axilizar a tramitación dos Orzamentos para 2017 e adiantar a súa data de aprobación.

Previsións
O Goberno galego vén de actualizar á alza as súas previsións macreconómicas, xa que agarda que o PIB galego rexistrará un mellor comportamento que a media española neste segundo semestre, sobre todo pola mellora da actividade no sector industrial e servizos.

Deste xeito, o Executivo galego eleva a previsión de PIB para este 2016 unha décima -ata o 3,1%-, mentres que para 2017 prevé un crecemento do 2,4%, tamén unha décima máis que a previsión vixente ata agora. A mellora destas previsións, tanto neste ano como en 2017, débese principalmente a que se agarda unha mellor evolución da demanda interna, ao bo comportamento do sector exportador e no maior incremento do emprego.

En canto á taxa de paro, a previsión da Xunta para este ano é que se manteña a baixada do desemprego ata o 17,4%, mentres que para 2017 se espera que siga baixando ata o 15,6%. Así, Galicia manterá un diferencial positivo ca taxa de paro de España de 2,2 puntos o vindeiro exercicio, dado que a estimación de paro para o conxunto do Estado é do 17,8%.