Friday 22 de November de 2024

Uns 230 nenos e nenas dos colexios de Oroso participarán mañá venres nas actividades programadas polo Concello co gallo do 25-N


Asistirán a unha sesión teatral contra a violencia machista e ás 11:00 horas despregarán un gran lazo violeta na praza do Concello, nun acto aberto a toda a veciñanza

O Concello de Oroso ten programada unha actividade especial para mañá venres 25 de novembro na que tomarán parte 230 nenos e nenas dos dous colexios do municipio. Trátase dunha sesión teatral a cargo da compañía Ghazafelhos, denominada “Iriña bailarina”, na que se reflexionará sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles e os esterotipos sociais. Representarase no centro cultural de Sigüeiro en dúas sesións: ás 10:00 e ás 11:30 horas.

Ás 11:00 horas, os 230 rapaces desprazaranse ata a Praza Isaac Díaz Pardo onde a concelleira da Muller, María del Carmen Liste, dará lectura a un manifesto oficial contra a violencia de xénero e se despregará un gran lazo violeta. Un acto ao que poderán unirse os veciños e veciñas do municipio e durante o cal se repartirán carteis, chapas e calendarios contra a violencia de xénero, en colaboración co Centro de Información á Muller de Ordes. En caso de choiva, este acto tería lugar no centro cultural.

Fin do curso de defensa persoal

Este acto porá fin a un intenso mes de actividades realizadas dende a Concellería da Muller en colaboración coa Deputación da Coruña, o CIM de Ordes e os centros educativos do Municipio. Así, dende o pasado mes de outubro os rapaces e rapazas do IES Oroso participaron no Programa IgualaR3, organizado polo CIM e financiado pola Deputación da Coruña, que inclúe sesións informativas e obradoiros de sensibilización que tratan materias como a igualdade de xénero, bo trato, relacións igualitarias, prevención de violencia de xénero… Así mesmo, participaron canda o alumnado de toda a comarca nun concurso de carteis contra as violencias machistas.

Finalmente, onte mércores finalizou o Curso de Defensa Persoal para Mulleres, que durante os últimos catro mércores reuniu no polideportivo Juanito Amigo a unha decena de veciñas.