Friday 22 de November de 2024

O Concello de Mondariz interésase polo sistema de recollida do lixo porta por porta implantado en San Sadurniño


Unha delegación do equipo de goberno do Concello de Mondariz visitou esta mañá San Sadurniño para coñecer máis de preto o sistema de recollida do lixo porta por porta que a administración local puxo en marcha nas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Naraío. Encabezada polo seu alcalde, Xoán Carlos Montes, a representación do municipio pontevedrés recibiu unha explicación pormenorizada tanto do seu funcionamento como do proceso previo de concienciación e formación da veciñanza implicada no proxecto. A intención da visita, que se completou cun percorrido polas zonas onde está funcionando o porta por porta, foi a de “ver a posibilidade” de trasladar o modelo ao municipio da comarca do Condado, cunhas características xeográficas e poboacionais moi semellantes ás de San Sadurniño

Xoán Carlos Bugarín explicou ao remate da xuntanza que soubera da experiencia de San Sadurniño a través dunhas xornadas sobre compostaxe organizadas hai algunhas semanas pola Deputación de Pontevedra ás que asistiu como poñente o rexedor local, Secundino García. Nelas deuse conta do proxecto de recollida selectiva de proximidade que se está desenvolvendo desde hai dous anos nas zonas máis afastadas do centro urbano, coas que aos poucos meses de arrancar o Concello conseguiu reducir notablemente a cantidade de lixo que se envía a SOGAMA.

A comparativa entre 2014 e 2015 no percorrido de Ferreira -o primeiro que botou a andar- apunta a que se pasou dos 2.100 quilos mensuais a algo máis de 900, o que tamén supuxo baixar a facturación mensual estimada nesa zona, deixando os 155€ iniciais en tan só 63. Unha redución conseguida tras unha intensa campaña de concienciación para mellorar a separación en orixe e, ademais, para impulsar a compostaxe caseira da materia orgánica que no resto de Galicia supón arredor do 40% do lixo que vai para os colectores.

“Pareceunos algo innovador e que se podía adaptar á realidade de Mondariz, xa que é unha localidade moi rural e bastante dispersa como é o caso de San Sadurniño. Por iso quixemos coñecer a experiencia in situ para ver a posibilidade de trasladala ao noso concello”, explicou o alcalde mondaricense. Segundo Xoán Carlos Bugarín “o problema dos residuos é común a todos os concellos: o custo é superior aos ingresos e, ademais, estamos facéndoo mal: sepárase mal, recíclase moi pouco… por iso, ao mesmo tempo que intentamos facer unha redución de gasto tamén tentamos facer un bo uso da reciclaxe da que saia beneficiado o medioambiente”.

Tras coñecer o traballo desenvolvido en San Sadurniño coa colaboración da veciñanza e da entidade ambiental ADEGA, o alcalde de Mondariz cualificou a iniciativa como “unha experiencia extraordinaria” e mostrouse convencido de que “é posible trasladar este xeito de facer as cousas a outros concellos do rural de Galicia”.

Na actualidade San Sadurniño ten implantada a recollida de lixo de proximidade en Ferreira, nunha parte de Igrexafeita e nas zonas máis elevadas de Naraío. En total son 43 entidades de poboación con arredor de 230 persoas censadas -o 6,7% do total municipal- e un percorrido de recollida de algo máis de 90 quilómetros.

Na área do proxecto dotouse aos domicilios de cubos e bolsas para unha correcta separación en orixe e, naqueles casos en que non se dispuña das esterqueiras de toda a vida, tamén de pequenos depósitos para facer compostaxe da materia orgánica, xa que é esta a fracción que máis encarece a finais de mes a factura de SOGAMA.

Outra parte do proxecto consistiu en incrementar o número de colectores e en achegalos máis ás casas para facilitar o labor veciñal nunha zona caracterizada polo avellentamento demográfico. Por último, o proxecto tamén substituiu o grande camión compactador por un furgón de recollida máis pequeno, co que tamén se reduciron os custes en combustible e en mantemento.