Sairá ás 12:00 horas da Praza Teodomiro Hidalgo, onde se dará lectura a un manifesto institucional e aos traballos realizados polo alumnado contra a violencia de xénero
A Concellería de Igualdade do Concello de Lousame convoca a segunda edición da Andaina conta a violencia de xénero, que terá lugar mañá venres 25 de novembro coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A participación é totalmente libre e de balde, non sendo precisa inscrición algunha.
O punto de encontro será a praza Teodomiro Hidalgo (Portobravo), ás 12:00 horas. Ata aló acudirán máis dun cento de nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro cos seus mestres para participar na lectura Manifesto Institucional do Concello de Lousame contra a violencia de xénero, a cargo da concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo. Acto seguido, gardarase un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero.
Antes de emprender a camiñata, alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro darán lectura aos traballos realizados na clase en conmemoración do 25 de Novembro. Ademais, repartiranse gorras co lema “Engánchate ao bo trato” entre todos os asistentes, que saíran dende a praza do Concello ata o CPI Cernadas de Castro portando distintas pancartas de rexeitamento á violencia de xénero. Serán 2,1 quilómetros pola estrada DP.4201 Portobravo-Confurco.
Dende o Concello de Lousame fan un chamamento á veciñanza a participar nesta iniciativa, para a cal non se precisa de inscrición. Ademais, haberá autobús para traer de volta dende o colexio a todos os participantes na andaina. No caso de choiva, todos os actos trasladaríanse ao pavillón municipal Pilar Barreiro Senra.