Saturday 23 de November de 2024

O Concello de Lousame convoca un curso gratuíto de Informática para Emprendedoras, que terá lugar en decembro


Con este curso finaliza o Programa de Fomento do Emprego 2016, que ofreceu cinco cursos de formación gratuíta a 96 mulleres de Lousame

O Concello de Lousame convoca un curso gratuíto de Informática para Emprendedoras, que se impartirá durante o mes de decembro na Aula de Informática da Casa da Cultura. Unha acción formativa coa que o Concello de Lousame pecha a edición de 2016 do Programa de Fomento do Emprego das Mulleres, posto en marcha en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña e que permitiu a realización de cinco accións formativas con 96 prazas de formación para mulleres interesadas en mellorar a súa empregabilidade, tanto por conta allea como a través do autoemprego.

O Curso de Informática para Emprendedoras terá unha duración de 30 horas e terá lugar ao longo de dez días (luns 5, 12, 19 e 26; mércores 7, 14, 21 e 28; e os venres 9 e 16 de decembro), en horario de 16:00 a 19:00 horas. As veciñas de Lousame interesadas en participar deberán inscribirse no teléfono do Concello de Lousame (981 820 494) antes do 1 de decembro. Aqueles homes interesados no curso poderanse inscribir nunha lista de agarda para o caso de non cubrirse as 16 prazas ofertadas con mulleres.

O obxectivo deste curso é que as alumnas se inicien no uso das tecnoloxías da información e comunicación (TICs), aprendendo a manexar dende cuestións básicas (manexar procesadores de texto, follas de cálculo, programas de presentación, configurar o correo electrónico…) ata introducirse no comercio electrónico e aprender a localizar de forma eficiente información a través da Internet utilizando os motores de busca.