Incide en que os 3.214 volumes que compoñen este fondo bibliográfico e documental fan posible o prodixio de facer presente o pasado
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao Fondo bibliográfico Abanca, depositado no Gaiás, como a mostra de que somos herdeiros dun pasado grandioso, repleto de creadores ilustres e de ilustres coleccionistas que teimaron en recompilar o mellor da súa época. “Desde este fondo que aquí queda depositado, estannos falando moitas voces de escritores e lectores. É todo un conxunto de mulleres e homes que nos animan a perseverar, a superar os problemas, a ser exemplares”, aseverou.
Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que cada galego que acuda á Biblioteca de Galicia poderá experimentar o orgullo de formar parte dun pobo de lonxanas raíces. “Revitalizará o seu parentesco con figuras senlleiras. Saberá que el tamén forma parte dunha longa peregrinación polo tempo. Será consciente, en suma da súa responsabilidade para dar continuidade a unha obra sempre inacabada chamada Galicia”, aseverou, ao que engadiu que este fondo fala tamén do compromiso pola cultura de Abanca, e do seu interese por facer partícipes a todos os galegos dun inapreciable tesouro.
Deste xeito, resaltou que no Fondo de Economía descóbrense reflexións sobre Galicia nas que latexa un espírito de superación que debera servir de guieiro nos tempos que corren; na Colección de Autógrafos, móstrase a faceta máis humana de persoeiros que deixaron unha pegada intensa no noso temperamento; e os Incunables e Facsímiles dan fe dunha vida cultural efervescente, que sitúa o noso país sempre na vangarda de España e Europa.
Así mesmo, subliñou que o Fondo Histórico “posibilita un diálogo por enriba do tempo, con Antonio de Guevara, Felipe de la Gándara, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal”.
O responsable do Goberno galego concluíu facendo fincapé en que os 3.214 volumes que compoñen este fondo bibliográfico e documental fan posible o prodixio de facer presente o pasado.