Friday 22 de November de 2024

A Mancomunidade de Ordes inicia a súa campaña de concienciación do 25 N


A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes continúa adiante co seu programa organizado en base ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebrará este vindeiro venres 25 de novembro. No día de hoxe iniciouse o reparto por distintos establecementos e espazos públicos dos calendarios e do cartel gañador do concurso convocado nos centros académicos da zona, ademais das chapas elaboradas cos slogans ideados polo alumnado. “Máis violeta e menos morado”, “machismo escríbese con M de monstro”, “Nin nós violentos nin elas fráxiles”, “deixemos as medias laranxas para facer zume”, “control non é amor” son algunhas das mensaxes lanzadas polos mozos e mozas en contra da violencia machista. No que se refire á imaxe gañadora deste ano plasma a unha moza coa boca tapada e en actitude de submisión coa mensaxe “Aínda que teña a boca tapada podo falar igual”.
Por otra banda hoxe no CEIP Viaño Pequeno, no municipio de Trazo, levouse a cabo a última sesión do programa IGUALAR3. Trátase dunha iniciativa pedagóxica que dende o pasado mes de outubro levouse a cabo por todos os centros académicos da comarca, tendo como principal obxectivo a formación crítica para poder medrar, desenvolverse e relacionarse plenamente sen prexuízos sexistas.