Saturday 16 de November de 2024

O centro cultural de Sigüeiro acollerá este venres a presentación do terceiro libro de Constantino Cuesta, “Una jaula de chiflados”



O acto estará presidido polo alcalde Manuel Mirás

O centro cultural de Sigüeiro acollerá este venres 25 de novembro, ás 20:30 horas, a presentación de “Una jaula de chiflados”, o terceiro libro de Constantino Cuesta Ibáñez, médico de atención primaria no centro de saúde orosán. Un acto aberto ao público no que Cuesta Ibañez estará acompañado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

“Una jaula de chiflados” é o terceiro libro de Constantino “Tino” Cuesta e, como el mesmo explica, trátase dunha “novela de perfil psicolóxico que conta as peripecias dos enfermos mentais e profesionais sanitarios dentro dun psiquiátrico”. Constantino Cuesta Ibáñez naceu en Baracaldo (Vizcaia) en 1959, pero o espírito trashumante dos seus pais fixo que desde moi pequeno se asentara en Santiago de Compostela, onde rematou os seus estudos de menciña e cirurxía (1982). Durante varios anos percorre unha gran parte dos municipios da área sanitaria de Santiago ata que en xaneiro de 2006 se asenta en Oroso, onde é médico de atención primaria do centro de saúde de Sigüeiro.

Entre 1995 e 2006 ten unha maior dedicación á escritura, aproveitando os últimos días da súa estancia en Melide para xestar a súa primeira novela, “Herdeiros da miseria”, publicada en 2012 por Finis Terrae edicións e que o autor definiu como “unha novela costumbrista aparentemente doutra época, contada por un neno de entre 8 e 10 anos sen entrar no mundo dos maiores”. Un ano despois chegaba a súa segunda novela, “Soñadores sin porvenir”, que conta a historia de varios veciños, dun mesmo pobo pero diferentes en canto a ideais, durante a Guerra Civil. Ademais da escritura, Cuesta Ibáñez ten realizado múltiples exposicións de pintura por toda Galicia e representou ao Concello de Oroso no certame internacional GoisOrosoArtes de 2015.