A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladoulle ao presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso, o compromiso do Goberno galego acadado co Concello da Coruña de garantir o nivel de ingresos que recibe a planta de Nostián pola xestión de envases, a pesares das novas condicións propostas por Ecoembes e que afectan á totalidade das plantas españolas.
Durante a xuntanza, Mato recordoulle que a Xunta sempre se opuxo á redución do 15% nos prezos de saída de material que establece Ecoembes, único sistema integrado de xestión de envases e residuos en España. En calquera caso, lembrou que grazas á negociación da Administración autonómica con Ecoembes conseguíronse incorporar melloras significativas ao novo convenio marco entre a Xunta e Ecoembes, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2017.
Respecto ás garantías de cara a xestión de Nostián, Mato precisou –tal e como se comprometera anteriormente ao concello da Coruña- que a Xunta asumirá un investimento de 600.000 euros para implantar melloras neste planta e poder incrementar así o seu ratio de reciclaxe. En caso de que este investimento non redunde nunha mellora da reciclaxe, a Xunta garantirá os ingresos do concello tomando como referencia os últimos doce meses anteriores ao novo texto.
Ao mesmo tempo, a conselleira confirmou de novo que estará garantida a presenza dun representante do concello e doutro do Consorcio naquelas reunións da comisión de seguimento do convenio entre Ecoembes e a Xunta nas que se traten asuntos relacionados coa súa área de influencia.