José Luis Martínez Sanjurjo será o encargado de recollelo como alcalde do municipio que viu nacer á que está considerada unha das enfermeiras máis importantes da historia, tras a súa achega á exitosa expedición Balmis
Este próximo xoves, 24 de novembro, José Luis Martínez Sanjurjo recollerá como alcalde de Ordes o Premio Especial Enfermería en Desarrollo concedido a Isabel Zendal, natural da parroquia de Parada. O acto terá lugar no teatro Fernando de Rojas do Círculo de Belas Artes de Madrid.
A publicación Enfermería en Desarrollo quere premiar e recoñecer publicamente o labor levado a cabo por esta veciña de Ordes, figura clave no éxito acadado pola expedición filantrópica Balmis. Na viaxe por mar, e sempre a carón do doutor alacantino Francisco Xavier Balmis, deu a volta ao mundo co obxectivo de que a vacina da varíola chegase a todo o territorio do imperio español que se espallaba por América, Filipinas e demais illas do Pacífico. Unha xesta que supuxo a salvación para un número incalculable de persoas azoutadas ata entón violentamente polo virus.
Trátase da terceira edición dos premios Enfermería en Desarrollo, considerados como unha das principais referencias do sector a nivel nacional. Un recoñecemento que xorde coa finalidade de apoiar ás enfermeiras e fisioterapeutas que traballan en prol do desenvolvemento das súas profesións, ademais de servir de recoñecemento colectivo á súa achega.
Nesta ocasión hai que falar de máis de 200 candidaturas de enfermeiras asistenciais e docentes, investigadoras e xestoras, estudantes de enfermería, unidades de enfermería, asociacións profesionais e de pacientes de toda España, que levan adiante diferentes iniciativas para a mellora da súa profesión. Deste xeito recoñécese o traballo realizado en base á calidade dos servizos prestados, o aumento da visibilidade pública da profesión, á innovación e á creatividade, á promoción do autocoidado, teses doutorais e traballos de fin de grao no ámbito universitario, proxectos realizados en poboacións desfavorecidas, así como en iniciativas que inflúen na mellora das condicións do traballo dos enfermeiros e das enfermeiras.
A nadadora Teresa Perales, fisioterapeuta de profesión, será a presentadora da dita gala, a cal se poderá seguir en directo a través de www.enfermeriatv.es. Entre as persoas asistentes ao acto figuran o conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid, Jesús Sánchez Martos.